Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Xosé de Merra de Vilargabín

Por 18 Xaneiro, 2019Sin comentarios

Por Raúl Río

Xosé de Merra era un home moi peculiar, un filósofo que quería vivir no positivo porque dicía que sempre era mellor vivir no positivo que no negativo. Por iso era un gran admirador de Primo de Rivera, xa que, segundo el, na súa ditadura vivíase no positivo e non había delincuentes, pois eles soliños ían para a cadea polo seu propio pé, porque seica lles era moito mellor así que si os tiveran que prender os gardas. Unha vez na cadea nin sequera facía falta pechar as portas, pois xa se coidaban eles de non querer saír porque si o facían aplicábanlles a xustiza.

Nun principio dedicábase á carpintería e para elo dispoñía de boa ferramenta; incluso chegou a ter unha cepilladora eléctrica e un torno de madeira moi grande que movía co pe e no que, axudado a darlle a roda por seu primo Xaime, facía os eixes dos carros. Temporalmente tamén desempeñaba outras labores de época, pois tiña unha máquina de mallar propia e polo verán andaba con ela polas aldeas para separar o gran da palla. Tamén exerceu de taberneiro cando se fixo cargo do Sindicato Agrario Católico que había nas Reixas e, a finais dos anos cincuenta, mercoulle a un señor da parroquia de Boizán, que se chamaba Marzán, un proxector de cine co que despois proxectaba películas de vaqueiros e de Cantinflas na súa casa do Pazo, pola festa da Pascua, polo San Vicente e incluso nalgúns domingos que había baile no Carbueiro, producindo a corrente co motor de mallar que tiña no pallar do lado.

O señor Marzán estivo un tempo polos Vilares para ensinarlle o oficio de “Operador de Cabina de cine” e a empalmar as películas cando se rompían, que era moitas veces debido a antigüidade e ao mal estado da máquina, pero tamén lle vendeu un coche, “O Auto” -como lle chamaba el-, que parecía o de Eliot Ness dos Intocables; moi antigo pero moi bonito, polo que non tivo mais remedio que sacar o carné de conducir, para o que contou coa axuda do señor Marzán, que fixo de profesor porque daquela aínda non había autoescolas.

Ao sacar o carné meteuse de taxista para levar a xente a Guitiriz e á Feira de Parga; pero como o coche era moi vello, parábase moito a miúdo e había que empurralo para que arrancara, como din que lle pasou unha vez cando levaba a Paco de Murico e a outros veciños para Guitiriz e parouse xusto no fondo da costa do Román, tendo que empuxalo os viaxeiros cara arriba ata acadar o alto da

Fírveda, onde xa se puideron montar no auto, porque costa abaixo xa non fixo falta empuxar. Algúns dicían que aínda lles tiña que pagar o taxista a eles por levalo a el e mais ó coche.

Cando chegaba a Guitiriz ou a Parga e había unha aglomeración de xente por diante que non o deixaba pasar, sacaba a cabeza pola ventá e berráballes: “Apartade de diante! Ou non vedes que vai un auto?”

Ás veces tiña razoamentos moi coherentes, coma cando Lito de Río e Andrés de Rato lle estaban a facer a Sara do Pazo un lavadoiro de ladrillo diante do vertedoiro para que puidera lavar a roupa e ao mesmo tempo poder escoitar si choraban os nenos, que daquela eran pequenos. Preguntoulles que era o que facían e cando lle dixeron que un lavadoiro dixo: “Érache boa cousa si tivera rodas”. O tempo deulle a razón porque cando os nenos xa se fixeron grandes houbo que tirar o lavadoiro e facelo noutro sitio mais apartado porque alí estorbaba.

Na ultima etapa da súa vida tamén lle deu pola cociña e aseguraba que era “o mellor cociñeiro do mundo”. Dicía que facía un caldo que se podía comer dentro dun ano sen que se acedara, e que as mulleres non o sabían facer, pero cando lle dixo Eliseo da Tacola que seguro que non o sabía facer coma a súa Maruja, que despois de facelo botábao nun porrón e bebíano a catalana, quedouse pensativo e dixo: “Ai, tu oes, pois eu así nunca o fixen”.