Skip to main content
Actualidade

A suba salarial para empregados públicos do mes de xaneiro será de 2,25%

Por 20 Xaneiro, 2019Sin comentarios

A suba salarial do mes de xaneiro será de 2,25% a todos os empregados públicos, tal como establece a orde de confección de nóminas para o ano 2019 elaborada pola Consellería de Facenda, e que se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Esta suba salarial supón un incremento medio anual de 810 euros por traballador e, deste xeito, o Goberno galego comeza a aplicar o Acordo de Concertación Social asinado esta semana entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT, que tamén inclúe o desenvolvemento de procesos de funcionarización do persoal laboral fixo e a implantación da carreira profesional na Administración Xeral, entre outros aspectos.

A mellora retributiva quedará consolidada nos salarios dos traballadores. En todo caso, o Goberno galego non terá que impulsar ningún cambio lexislativo para aplicar esta suba salarial, dado que xa previu este incremento no momento da elaboración dos Orzamentos da Comunidade Autónoma para o actual exercicio 2019.

Prevese que uns 100.000 traballadores galegos van percibir esta mellora nas súas retribucións. Nesta cifra están incluídos os máis de 87.000 empregados que traballan nos servizos públicos autonómicos: consellerías, hospitais, centros de saúde, centros de ensino ou centros de servizos sociais, entre outros. Tamén alcanzará ao persoal que traballa nas tres universidades públicas e nos centros de ensino concertado.

O acordo de concertación social tamén establece a maiores unha suba salarial do 0,25% a partir do 1 de xullo de 2019. Esta última porcentaxe está condicionada ao cumprimento por parte do Reino de España do obxectivo de evolución do PIB do 2,5% correspondente ao exercicio anterior, é dicir, o ano 2018.