Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta anunciará mañá ao seu candidato á Alcaldía

Por 21 Xaneiro, 2019Sin comentarios

Vilalba Aberta celebrou a súa primeira asemblea de 2019. Unha cita, coma sempre, aberta ao conxunto da veciñanza e que, dende a formación, concibían coma a culminación a un traballado proceso participativo, que arrincaba o pasado 19 de Xullo nunha Festa-Mitin na Área Recreativa da Madalena. Na mesma, e pola vía dun chamamento á unidade veciñal extensivo a todos os sectores da sociedade civil vilalbesa “proviran ideoloxicamente de onde proviran”, poñíase o primeiro chanzo con vistas a construír unha alternativa “ampla e de maiorías” ao “clientelismo e a desidia” representado en Vilalba polo Goberno do Partido Popular.

“6 meses nos que, dende Vilalba Aberta, se veu traballando na ampliación dun consolidado proxecto que renove a ilusión e a confianza no cambio entre o conxunto da súa veciñanza. Un continuado exercicio de apertura, a fin de sumar indo máis aló das siglas”, pois, tal e como lembran “se as forzas políticas do cambio somos necesarias, a veciñanza e a súa creatividade son imprescindibles”.

Neste senso, a asemblea do pasado venres non fixo máis que confirmar a boa acollida dunha invitación “colectiva, aberta e cívica” na que, tal e como apuntan, se escenificou o mellor que Vilalba Aberta ten, isto é: “as nosas mans, a fermosa aperta entre tres xeracións de vilalbeses/as, así coma a nosa complicidade, confianza e ilusión para convidar a moitos máis veñan de onde veñan ou votaran o que votaran no pasado.”

Unha asemblea na que, ademais do candidato/a que o vindeiro 26 de maio lle disputará a alcaldía ao Partido Popular e maila lista completa (20 veciños/as) da candidatura; se definiu un “Calendario de Difusión” que, ao longo desta semana, dará forma ao método de presentación dos mesmos/as. Nesta liña, será mañá martes día 22 cando se faga público o Candidato/a de Vilalba Aberta á Alcaldía, quedando reservado para o xoves (24) o anuncio da lista completa.

“Fronte a esgotadas dinámicas nas que a configuración das candidaturas se decide nos despachos, pola vía dunha negociación das diferentes familias dos partidos e nas semanas previas á campaña; Vilalba Aberta contrapón un traballo de meses na construción dun espazo amplo, no que foi benvido todo veciño/a que se recoñecera na necesidade dun cambio político “social e de progreso” de cara á construción dunha Vilalba á altura da súa veciñanza e culminado a través dun procedemento de elección aberto e asembleario, no que o protagonismo foi da mesma.” Lembran.

Unha verdadeiro avance con respecto ao xeito de facer dos partidos políticos tradicionais que, xunto ao seu “Programa Participativo” en curso, “está a involucrar tanto aos veciños dos barrios da vila coma aos que o son de cada unha das parroquias, na ilusión compartida por unha proposta política á altura, con vocación de maiorías e que sexa quen de recuperar o Concello de Vilalba para súa xente.