Skip to main content
Actualidade

O Pleno da Deputación aproba unha moción que esixe á Xunta melloras na atención primaria

Por 30 Xaneiro, 2019Sin comentarios

O Pleno da Deputación aprobou as mocións presentadas por PSOE e BNG para esixir á Xunta de Galicia melloras na atención primaria. O PP, que apuntou textualmente que “non vemos empeoramento na sanidade pública galega. Non houbo recortes. Hai máis orzamento, menos ratios e máis melloras”, non apoiou esta aclamada demanda cidadá. Pois simultaneamente ao debate na sesión plenaria, os propios profesionais sanitarios, xunto a veciños, se concentraban por segundo martes consecutivo diante dos centros de saúde dos Concellos da provincia para esixir ao Goberno galego non máis recorte e mñais persoal laboral pola dignidade da sanidade pública, así apuntaba o lema desta convocatoria.

O voceiro socialista, Álvaro Santos Ramos, desvelou que “dende que goberna o Partido Popular na Xunta de Galicia, a provincia conta con 23 médicos de atención primaria menos no rural. Os Concellos que perderon profesionais son os de Begonte, Castroverde, Cospeito, Friol (2), Guitiriz, Monforte de Lemos (2), Navia de Suarna (2), Ourol, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, Sarria, O Saviñao, Taboada, Baleira, Carballedo, Cervo, Folgoso do Courel, Pol, A Pontenova e Riotorto, nos últimos 7 municipios estes recortes fixéronse durante a lexislatura do rural do PP de Feijóo no Executivo galego A maiores, o PP tamén pechou dous consultorios no rural da nosa provincia, en Sarria o de Oural e en Carballedo o do Castro, coa total oposición dos veciños”.

En 9 Concellos só teñen un só médico, na súa maioría da Montaña, quedando descubertos nunha saída a domicilio e con amplos tempos nos desprazamentos: Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Muras, Triacastela, Ribas de Sil e Rábade”.

A Xunta apoia que por cada 1.500 habitantes debe haber 1 médico na atención primaria. Con todo, Santos Ramos, “discrepando sobre as ratios como medida para unha sanidade pública de calidade e universal, máis nunha provincia coma Lugo cunha poboación altamente envellecida e cun alto nivel de dispersión xeográfico”, desvelou que “hai 7 Concellos da provincia nos que nos se compre esta ratio: Begonte (1 médico por 1.536 habitantes), Burela (1 médico/1.587 hab.), Lugo (1/1.531 hab.), Monforte de Lemos (1/1.531 hab.), Outeiro de Rei (1/1.688 hab.), Rábade (1/1.519 hab.) e Viveiro (1/1.555 hab.), nos que ademais se concentran a maior parte da poboación da provincia”.

Outras das eivas na atención primaria que denuncia a cidadanía é por exemplo a falta de pediatra na atención primaria. “Dende o PSOE, temos detectado problemas en 16 Concellos da provincia, nos que xa non hai pediatras, nos que a atención non é suficiente ou nos que está asumindo esta responsabilidade médicos de familia. Por exemplo, 2.000 nenos de Viveiro, O Vicedo e Ourol teñen 1 só pediatra, que está desbordado. Con cita pechadas, hai esperas de ata 5 horas para entrar en consulta. 800 familias con cativos de Barreiros, Lourenzá e Mondoñedo tamén claman o reforzo desta prestación”. Santos Ramos lembrou outras das recentes denuncias como a dunha veciña de Lugo de 93 anos que, cun tendón roto, non ten cita médica ata xullo; viveirenses que agardan ata 10 días para unha consulta de atención primaria cando os médicos deste centro atenden a 55 persoas nunha soa mañá ou as realizadas polo desabastecemento de vaciñas en plena campaña da gripe en centros de saúde como o PAC de Fingoi en Lugo.

Con todo, “o PP nega a realidade”, apuntou o voceiro logo que de que os populares asegurasen que “dende 2009, o PP mellorou todos os servizos sanitarios, acadando máximo históricos en consultas e mellorando os prazos de espera”. Mentres, segundo a Unión Española de Entidades Aseguradoras e Reaseguradoras (UNESCA), no 2018 disparáronse as pólizas de saúde privadas polas listas de espera na pública, incrementando nun 5,6% no último ano a súa facturación, medrando o dobre que o sector considerado máis potente, que é do de seguros de coche.

ENFERMARÍA

Por outra banda, o Pleno aprobou, cos votos a favor de PSOE e do Deputado non adscrito e sen apoio de PP e BNG, a moción que o Goberno presentou á sesión plenaria en resposta ás reclamacións dos enfermeir@s que lles foron trasladadas persoalmente polo Sindicato de Enfermería en Lugo (SATSE). Piden incrementar o número de profesionais para poder mellorar a atención na sanidade pública da provincia, así como as condicións laborais nas que desenvolven a súa profesión, pois sofren unha importante sobrecarga de traballo e uns altos índices de temporalidade.

Estes profesionais explican que o Sergas mantén unha ratio de 3,38 enfermeir@s por 1.000 habitantes. A media do Estado é de 5,3. En países da contorna española a media é de 8,8. En Europa, destacan Dinamarca con 16,9 profesionais por 1.000 hab; Finlandia con 14,7/1.000 hab. e Alemaña con 13,3/1.000 hab.

Para elo, instase á Xunta de Galicia, administración coas competencias en sanidade, a “desenvolver un marco lexislativo que garanta unha dotación de enfermeir@s que permita unha atención segura, cunhas ratios mínimas de profesionais/habitante e máximas de doentes/profesionais que en ningún caso sexan inferiores ás medias españolas, que cando menos se sitúen na órbita dos Estados da contorna e sen prexuízo de achegarse aos mellores estándares europeos no caso de ser viable”.

Tamén se demanda ao Goberno Central a “aprobar, a través dun acordo vinculante de confederación sectorial do consello territorial, o establecemento dunha dotación adecuada de enfermeir@s; así como garantir unha atención segura e de maior calidade, unha carga laboral axeitada e a sostibilidade do sistema sanitario mediante unha lei que determine o número máximo de pacientes asignados a cada enfermeir@ nas Comunidades Autónomas”.

PARTIDO POPULAR

Por outra banda, o PP lamentou que o PSOE defendera no Pleno uns Orzamentos Xerais do Estado que castigan a todos os lucenses. Os populares indicaron que “non hai ningunha dúbida, tal e como reflictan os números, de que estamos ante un documento que castiga á cidadanía lucense por razóns meramente políticas, incrementando a carga fiscal sobre os nosos veciños e reducindo o investimento na provincia”.

A moción do PP para rexeitar o proxecto de Orzamentos do Estado para 2019 saíu aprobada co apoio do BNG, a abstención do deputado non adscrito e a pesar dos votos en contra dos socialistas.

“Estes Presupostos supoñen 213 euros para cada lucense, unha redución dun 35% en inversión, o que nos pon á cola de España. Unha suba de impostos para todos os lucenses, para os que teñen un coche a gasoil ou para os autónomos. Son copiados da filosofía de Zapatero que só trouxeron paro e recesión. Están deseñados para manterse no Goberno e seguir convencendo aos independentistas cataláns e seguir adiante”, lamentou o deputado José Antonio García.

“Se o PSOE di que supoñen dez veces máis do que merecemos non me estraña que estean moi contentos cos socialistas galegos que solo están aquí para cambiar a súa posición con respecto ao que dixeron hai catro días”, explicou o popular.

Desde o PP pediuse o seu rexeitamento “porque é un clamor que dan a entender todos os partidos con representación na provincia desde En Marea, socio de Goberno de Pedro Sánchez en Madrid, pasando polo BNG. Oímos declaracións da súa voceira sobre presupostos impresentables para Galicia e tomadura de pelo. O PSOE tamén falou da necesidade de presentar emendas e conseguir máis partidas. Sensación xeneralizada de que son moi malos para a provincia e cremos que sería bo un pronunciamento unánime da provincia. Non están na liña de algo bo para a provincia. Está a rebaixa real e cuantificable das inversións, non só o 20% que se vai a Cataluña, as partidas da provincia en marcha que foran defendidas polo anterior goberno redúcense de forma alarmante”, apuntou.

“Son os peores dos últimos anos, o que significa que os 7 orzamentos de Rajoy foron mellores para Lugo do que o son estes. Santos, unha decepción, o outro día dicía que os presupostos necesitaban emendas para mellorar e conseguir máis partidas e hoxe debéronlle tirar das orellas e di que sobra diñeiro para as necesidades de Lugo. Veuse abaixo dunha forma espectacular. Di que serven para tapar baches das infraestruturas e das familias, pero tanto baixan que caen un 36%. Vendo como teñen as estradas da Deputación sabemos o que entenden vostedes por tapar baches”.

“As subas a pensionistas e funcionarios son as comprometidas por Rajoy, nada que fixera Sánchez. Os baches que tapan son subindo o gasoil ou as cotizacións de autónomos. Son os ricos da provincia os autónomos e condutores con coche diésel. Fai ben cambiar de estratexia porque confianza en que conseguiran algo non é moita, temblamos coas emendas que se fan porque no señor Sánchez teñen máis influencia outros negociadores que saben cómo sacarlle o diñeiro ao Goberno para manter a un presidente que ninguén votou. Xa se baixou do carro no que ía defender á provincia e xa sobran cartos e Lugo vai ben. A única dúbida é que só vostede ve iso porque nin no PSOE existe esa euforia coa provincia”.

MOCIÓN ESTRATEXIA CINEXÉTICA

O Grupo Provincial Popular conseguiu sacar adiante, con 23 votos a favor e a abstención dos deputados do BNG, unha moción na que pedía ao Pleno da Deputación instar ao Goberno de Sánchez a elaborar de maneira urxente unha Estratexia Nacional de Xestión Cinexética e recoñecer o valor estratéxico da caza. Os populares defenderon que “esta actividade equilibra aspectos económicos, de desenvolvemento do medio rural e de conservación da natureza; ademais de formar parte da nosa cultura e a nosa realidade social”.

Na súa iniciativa, o Grupo Provincial do Partido Popular explica que en 2015 se modificou a Lei de Montes de 2003, a través da Disposición Adicional Cuarta da Lei 21/2015, para que o Ministerio responsable elaborase unha Estratexia Nacional de Xestión Cinexética coa participación das Comunidades Autónomas. O obxectivo desta Estratexia Nacional, cuxos traballos para implementala comezaron na pasada lexislatura, era resolver os problemas que afectan á práctica da actividade cinexética, e da pesca, “a través do compromiso claro e expreso de apoio a ditas actividades das diversas Administracións Públicas con competencias sobre as mesmas”, precisan dende o PP.

Ademais en maio de 2017, a Comisión de Medio Ambiente e Cambio Climático do Senado aprobou unha moción do Partido Popular que reclamaba ao Executivo esa estratexia para que servise “como marco orientativo e de coordinación para a ordenación, a escala nacional, do aproveitamento cinexético”.

A pesar disto, a Ministra de Transición Ecolóxica do actual Goberno socialista, afirmou que prohibiría a caza creando unha gran preocupación en todos aqueles sectores que participan na actividade cinexética. Para os populares na Deputación “escoitar que unha alta representante pretende prohibir unha actividade de impacto económico e medioambiental, así como de gran arraigo social en España supón un retroceso na defensa das liberdades e dereitos recoñecidos aos españois pola nosa Carta Magna”.