Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXAGuitiriz

A Deputación mellora o entorno da Cova da Serpe para potenciar este atractivo turístico

Por 16 Febreiro, 2019Sin comentarios

O voceiro do Goberno, Álvaro Santos mantivo, un encontro con membros das Mancomunidades Veciñais de Montes de Anafreita e de Negradas para anunciar que o Goberno da Deputación executará melloras na Cova da Serpe, co fin de promover e poñer en valor este espazo natural. Trátase dun atractivo recurso turístico da provincia situado entre as parroquias de Anafreita e Negradas, nos Concellos de Friol e Guitiriz respectivamente, e próximo á etapa Miraz-Sobrado do Camiño Norte a Santiago. Santos Ramos explicou que a Deputación instalará paneis informativos e de sinalización, así como un miradoiro e unha área recreativa con mesas, bancos, unha fonte…

O voceiro destacou que “a mellora do entorno da Cova da Serpe servirá para potenciar o atractivo turístico da zona co obxectivo de conseguir que máis persoas se acheguen a coñecer a Cova, as antigas lendas que envolven este máxico enclave natural e a gozar da beleza dos paisaxes naturais da nosa provincia”.

A Cova da Serpe, que se sitúa entre os Concellos de Guitiriz e Friol, atópase preto doutros recursos turísticos. Dista a 4 km do pazo-fortaleza Torre de Friol do século XIII, unha das máis antigas da provincia e a 18 km da Fortaleza de San Paio de Narla, s. XIV, incluída esta última na Rede Museística da Deputación. Acolle importantes coleccións de etnografía. Esta cavidade é un atractivo natural e turístico que polas antigas lendas que a envolven, a súa beleza paisaxística e a súa proximidade a outros monumentos históricos atrae cada ano a máis de 5.000 visitantes.

No mes de febreiro, comezarán a executarse as melloras deste entorno natural que cada ano, atrae a centos de grupos de sendeirismo e de afeccionados a rutas de bicicleta xa que a Cova da Serpe é un punto polo que discorren varias rutas de trekking e BBT estando, ademais, próxima a unha etapa do Camiño do Norte a Santiago pola que discorren milleiros de peregrinos.

A instalación dun miradoiro, cun acceso acondicionado, será a primeira das actuacións que converterase nun reclamo turístico máis pola posibilidade de contemplar amplas  panorámicas da provincia de Lugo e fermosas paisaxes da Terra Chá chegándose a divisar Lugo capital e incluso os Ancares.

A creación dunha área recreativa con bancos, mesas e unha fonte é outra das actuacións para a mellora deste entorno natural e paisaxístico. Permitirá que os máis de 50 veciños das localidades próximas, familias con nenos, grupos de sendeirismo, ciclistas e amantes da Natureza dispoñan dun lugar axeitado para comidas campestres ao aire libre achegándose ata a zona da Cova da Serpe máis xente. A colocación dunha sinalización con letreiros e frechas de indicacións será a terceira das melloras. A ausencia de letreiros na zona provocaba a desorientación das persoas que intentaban achegarse ata este lexendario atractivo natural da provincia de Lugo.