Skip to main content
Actualidade

Adxudicadas as obras de mellora de servizos e seguridade viaria en Goente 

Por 11 Marzo, 2019Sin comentarios

A xunta de goberno local do Concello das Pontes adxudicou, a semana pasada, as obras de mellora de servizos e seguridade viaria na marxe esquerda da AC 564 ao seu paso pola parroquia de Goente.

Esta obra, incluída no Plan de Obras e Servizos Único da Deputación da Coruña ( POS+ 2018), cun orzamento de 272.670,92 euros permitirá que o grupo de goberno poida dar resposta a unha antiga demanda dos veciños e veciñas, que reclamaban novos servizos públicos e maior seguridade para os peóns na zona.

A actuación contempla a reposición dos servizos de saneamento e abastecemento que, debido á súa antigüidade, sofren continuas roturas que afectan á calzada, causando unha constante perda da calidade do pavimento, tanto do viario como das beiravías.

Executarase unha nova rede de saneamento en PVC coas acometidas correspondentes, tanto para augas residuais como pluviais e os seus sumidoiros. Ademais se proxecta unha nova rede de abastecemento coas súas correspondentes acometidas domiciliarias e a instalación de dúas bocas de rega.

Por outra banda, debido a que o ancho das beirarrúas neste tramo urbano é insuficiente e non cumpre cos requisitos de accesibilidade (altura, pendentes, etc.) o proxecto contempla a súa regularización e ampliación naquelas zonas nas que as sexa necesario para así eliminar as barreiras arquitectónicas e impulsar a mobilidade e a seguridade no viario.

Deste xeito acometerase a reposición das beirarrúas con formigón continuo coloreado e cun tramo en senda, debido ás especiais condicións orográficas do terreo, e procederase á mellorar da beiravía e o sistema de recollida de augas pluviais.

A obra complétase coa pavimentación dos pasos de peóns segundo a lei vixente, con baldosas de tipo boto e direccionais, co pintado da sinalización horizontal e a recolocación de sinais, bionda, portacolectores e varandas.

Con esta actuación o grupo de goberno continúa co seu proxecto para mellorar os servizos e as infraestruturas no ámbito rural e así favorecer a calidade de vida de todos os veciños e veciñas, especialmente dos que residen en Goente xa que “este viario é de gran importancia para a comunicación na parroquia e aínda que, durante os últimos anos estiveron a facerse traballos de mantemento, sofre importantes deterioracións que condicionan a seguridade e mobilidade dos veciños. Con estas obras poderemos solucionar todas estas deficiencias e ofrecerlles os mesmos servizos, coas mesmas garantías, que no centro urbano”.