Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

A Casa da Torre de Balmonte

Por 12 Marzo, 2019Abril 7th, 2019Sin comentarios

Por Miriam Fernández

O Concello de Castro de Rei é ben coñecido por conservar un bo número de pazos e casas grandes espallados ó longo das súas 25 parroquias, unha tipoloxía de arquitectura civil que revela neste lugar uns exemplos de gran calidade que nos falan da historia e presenza de certos liñaxes e familias de renome galegos, os cales estableceron neste concello as súas residencias familiares, funcionando coma centros económicos e administrativos dende os que dominaban boa parte do territorio.
A Casa da Torre é un destes fermosos exemplos de pazos de construción señorial, ergueito nun pequen altiplano da parroquia de San Salvador de Balmonte, probablemente durante o século XVI, segundo os datos xenealóxicos e vitais dos seus primeiros señores: D. Pedro Saavedra e a súa dona, Dª Inés Fernández. Orixinariamente este pazo posuía unha torre claramente defensiva da que seguro tomou o nome que hoxe en día a identifica, máis esta construción foi derruída por perigo de derrubamento a principios do século XX. Da torre do pazo coñecemos que posuía una planta cuadrangular, cuns oito ou dez metros de lado, paredes de cachotería de pedra e lousa, tres pisos de tres metros (o primeiro concibido coma semi soto) e só dúas ventás saeteiras, unha cara o nordeste e outra cara o noroeste.
O edificio principal ou pazo foi retocado tamén a principios do século pasado para adaptalo á vida moderna dos seus moradores máis recentes (interior, cuberta, etc.), presentándosenos como un edificio de planta rectangular con dous andares e faio cego. O andar ou piso baixo era onde orixinariamente se dispuñan as cortes para os cabalos e o gando, as dependencias do servizo, un amplo patio e unha cocina con lareira, mentres que o piso alto estaba adicado á vivenda dos señores, dividida nos distintos cuartos: alcobas, comedor, biblioteca- despacho e salón. Na fachada do corpo superior do ángulo sur foi empotrado un escudo tallado en varios sillares de granito, con decoración de estilo barroco e os emblemas dos Rivadeneyra, os Cornide de Bendia, os Teijeiro, os Pardo-Balmonte e os Baamonde.
Na fachada principal, con portas de entrada ós dous niveis, destaca un corpo rectangular estreito adosado á planta principal do edificio, elemento que corresponde cun amplo corredor de acceso ó segundo piso cuxa cuberta descansa nunha das súas metades sobre dúas columnas cilíndricas con capiteis sinxelos e outras tres de estrutura cuadrangular. Para acceder a este corredor, e á porta da vivenda dos señores, o edificio conta cunhas amplas escaleiras de granito con varanda pétrea. Como nos recorda o refrán “capela, pazo, e ciprés, pazo és”, esta casa fidalga conserva outras dependencias anexas relacionadas: un hórreo tipo asturiano, unha pequena capela, distintas dependencias para os apeiros e animais e varias árbores senlleiras. A capela, construída por mandato de D. José-Benito Pardo Rodríguez a mediados do século pasado, é de planta rectangular e cuberta a dúas augas, ergueita a base de muros de cachotería e sillares de granito. A fachada remata cunha sinxela espadana granítica dunha soa campá acompañada e culminada mediante pináculos que recordan ós empregados no estilo barroco (tamén nas esquinas superiores da mesma), mentres que no seu muro existe un óculo de escasa dimensión que permite a entrada da luz no interior. Ata principios deste século esta capela albergaba un sinxelo retablo de liñas neoclásicas, distintas tallas de santos e a sepultura de D. José Benito, elementos que non se puideron comprobar (conservación) pero que agardamos que se manteñan.
Desgraciadamente o estado actual da Casa-Torre de Balmonte e o seu entorno é bastante ruinoso, moi lonxe de como un día se debeu de mostrar este pazo, morada dunha familia de relevancia que co paso do tempo foi emparentando coa maior parte da nobreza de Castro de Rei e doutras liñaxes importantes da Chaira (e alén dela), pasando durante xeracións como posesión prezada polas mans dos seus descendentes.
A pesar da perda da maxestosidade e importancia da que noutrora foi expoñente, a Casa-Torre de Balmonte segue a ser un fito que nos axuda a coñecer a historia da fidalguía chairega, das súas posesión e dunha forma de vida que se desenvolveu aproximadamente entre os séculos XVI e XVIII.