Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Cousas de Raíces propón a deseucaliptización no Día Mundial dos Bosques

Por 22 Marzo, 2019Sin comentarios

Preto de 20 colectivos galegos responderon ao chamado da plataforma a prol do bosque galego, Cousa de Raíces, para sumarse a unha deseucaliptización simultánea en Galiza, con motivo do Día Mundial Forestal ou dos Bosques. Comunidades de Montes, colectivos ecoloxistas, agrupacións culturais, a Universidade da Coruña e diversos proxectos de custodia do territorio organizan para mañá e o vindeiro sábado, 23 de marzo, máis dunha decena de accións de eliminación de eucaliptos e doutras plantas exóticas invasoras, como as acacias.

Os colectivos ADEGA, Couto da Eiriña, Verdegaia, Montescola e CMVMC de Froxán (Lousame), a Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, A Rente de Chan, Pladever, Fundación Eira, Proxecto Ríos, Amigos da Terra, CMVMC de Tourón (Melón), Asociación Vergasta, APDR, agrupación Arlequín, Proxecto MonTeis, a CMVMC de Teis (Vigo), a CMVMC de Ponteareas e a CMVMC de Carracedo (Caldas de Reis) acudiron ao chamado da rede Cousa de Raíces para participar nunha deseucaliptización simultánea de Galiza que comezará mañá, 21 de marzo, Día Mundial dos Bosques, e culminará o sábado, 23 de marzo, coa realización da meirande parte das actuacións.

O obxectivo desta iniciativa de Cousa de Raíces é chamar a atención sobre a urxencia de favorecer e conservar os bosques galegos fronte o impacto negativo e a expansión descontrolada de especies e plantas exóticas invasoras no país, como é o caso do eucalipto ou da acacia. Cousa de Raíces apela nesta semana forestal a distinguir entre o que é un bosque (ecosistema natural complexo, no que as especies arbóreas, a vexetación acompañante, os animais, fungos e microorganismos establecen relacións perdurbales no tempo) e unha plantación forestal (conxunto de árbores uniformes que se plantan cun único interese comercial e que adoita estar formada por especies alóctonas que desprazan as especies autóctonas).

As especies foráneas, como o eucalipto ou a acacia, causan un impacto negativo sobre as especies forestais propias, o solo, os cauces fluviais, a biodiversidade, ocupan solos de cultivo e compiten coas especies propias, ademais de contribuír a favorecer os incendios forestais. Pola contra, os bosques ou formacións arbóreas de especies autóctonas achegan múltiples beneficios á sociedade: mitigan o cambio climático, reteñen carbono, favorecen a provisión de auga, xean biodiversidade e paisaxe, son fundamentais para a conservación da natureza e son fundamentais para a vida.

MÁIS DE 10 ACCIÓNS DE ELIMINACIÓN DE EUCALIPTOS E ACACIAS

As accións de deseucaliptización comezarán mañá, no propio Día Internacional dos Bosques, na cidade da Coruña, cunha actividade de eliminación de flora exótica invasora, especialmente da acacia negra, organizada no Monte da Fraga pola Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, coa colaboración de ADEGA.

As demais accións de eliminación de eucaliptos e outra flora exótica terán lugar o sábado, 23 de marzo. Unha delas desenvolveranse na provincia da Coruña, en concreto nos Montes de Froxán de Lousame, en “Campo de Lamas”. Nesta zona húmida, a comunidade de montes, xunto con Verdegaia e as brigadas deseucaliptizadoras, levan tempo promovendo a recuperación do bosque nativo.

As 9 actuacións restantes terán lugar na provincia de Pontevedra, nos concellos de Agolada, Cerdedo-Cotobade, Pontecaldelas, Mondariz, Melón, Pontevedra, Ponteareas, Caldas de Reis e Vigo. Estarán promovidas por entidades ecoloxistas, culturais e comunidades veciñais de montes en man común.

Nos montes de Ramil de Agolada, a Fundación Eira e ADEGA darán continuidade aos labores previos de eliminación de eucalipto nunha parcela custodiada, na que haberá que eliminar os gromos que rebentaron nos tocóns. Tamén o colectivo ecoloxista, xunto co Proxecto Ríos, acudirán ao río Tea, en Mondariz, para eliminar especies exóticas invasoras, nomeadamente a acacia, no marco do Campo de voluntariado ambiental do Tea.

A tarefa principal do colectivo A Rente de Chan e Pladever (plataforma na defensa do Verdugo) será a deseucaliptización nunhas parcelas de experimentación, situadas nos montes de Gradín de Pontecaldelas, nas que se fará seguimento dos resultados da eliminación de eucaliptos, seguindo un protocolo deseñado para a ocasión, e que estas organizacións comparten co resto de entidades participantes.

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) eliminará eucaliptos no monte de O Regueiriño, na parroquia de Lourizán na que se sitúa tamén a fábrica de celulosas de Ence, unha das principais causas da eucaliptización masiva de Galiza nos últimos 30 anos.

A proposta de  deseucaliptización simultánea de Cousa de Raíces foi tamén moi ben acollida polas comunidades de montes veciñais en mancomún. A comunidade de Montes de Rebordelo, de Cerdedo-Cotobade, coa colaboración de ADEGA-Vigo, aproveitará esta ocasión para eliminar eucaliptos e promover un roteiro interpretativo polo Couto da Eiriña, lugar no que se está a promover un proxecto de custodia e de promoción dunha xestión forestal sostible.

A comunidade de montes de Tourón, no concello de Melón, aposta tamén pola retirada de eucaliptos dos seus montes. Participarán nesta actividades outras entidades como Amigos da Terra e a Asociación Vergasta.

Pola súa banda, a comunidade de montes de Ponteareas está a substituír o eucalipto dos seus montes por especies forestais autóctonas, tarefa na que está inmersa desde a vaga de lumes de 2017. O sábado 23 continuará con este labor nos “Chans da Picaraña”, luga no que se celebra a Romaría da Picaraña do vindeiro 1 de maio.

O mesmo pretenden facer os comuneiros e comuneiras de Carracedo, de Caldas de Reis, e de Teis en Vigo. Os primeiros eliminarán gromos de eucalipto de tocóns, e os segundos tamén eliminarán exemplares máis grandes coa axuda de maquinaria. A agrupación Arlequín tamén colaborará na deseucaliptización da Madroa, en Teis, onde tamén se plantarán árbores autóctonas.