Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

A Deputación contrata as obras da residencia da Casa da Botica de Guitiriz

Por 23 Marzo, 2019Sin comentarios

O presidente da Deputación, Darío Campos, xunto á alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, e á concelleira de Benestar, Laura Ageitos, informou que o Executivo Provincial aprobou en Xunta de Goberno a contratación das obras de construción da residencia na Casa da Botica en Guitiriz. Fíxoo con 1,2 millóns de euros, aforrando 400.000 con respecto ao prezo de licitación, que se destinarán ao equipamento.

Campos Conde destacou que “termina unha longa batalla para moitísimos veciños de Guitiriz que liderou a súa Alcaldesa. Hoxe é un día de ledicia e celebración. Síntome especialmente orgulloso de ter contribuído a este importante e necesario proxecto social, que non sería posible sen o esforzo e implicación de Regina Polín, Alcaldesa e, por riba de todo, veciña de Guitiriz”.

A alcaldesa subliñou que “non podedes imaxinar o que supón chegar a isto despois de 12 anos loitando contra todas as circunstancias que se deron. O meu agradecemento, moi sincero, ao Presidente, que apostou e traballou dende o primeiro momento por este proxecto, así como aos traballadores da Deputación que se implicaron. No 2015, presentei como candidata á Alcaldía, principalmente, para facer realidade esta residencia. Cumprín o programa electoral co que me presentei ao 80%, por non dicir practicamente ao 100%. Aforramos 200.000 euros en salarios da Corporación Municipal para facer fronte con este cartos a achega que o Concello ten que facer á residencia. Rehabilitamos a antiga casa dos peóns camineros onde funciona o centro de día municipal. Executamos o saneamento. Desbloqueamos o PXOM. Este é o broche de ouro. Queda algo moi importante para Guitiriz nun edificio histórico: unha residencia para os nosos maiores no centro da vila como sempre defendín”.

A residencia na Casa da Botica ofrecerá ata 52 prazas, pois hai 26 habitacións que poden ser dobres. Seguindo o modelo de Deputación e Concellos, os veciños de Guitiriz terán prioridade de acceso, logo os dos restantes municipios da Comarca da Terra Chá e, seguidamente, lucenses en xeral. Do mesmo xeito, o prezo da praza adaptarase á capacidade económica de cada maior para que todos poidan acceder á mesma.

Cóntanse cos permisos de Concello, Fomento e Patrimonio, quedando pendente só o informe favorable da Xunta para poder iniciar a execución das obras que se espera resolver nos vindeiros días. O conxunto final da edificación da Casa da Botica constará de tres plantas e disporá de 26 habitacións individuais para uso normal, que poden converterse en habitacións dobres, e 1 habitación, a maiores, para uso de enfermería por residentes que precisen unha atención sanitaria importante.

A planta baixa do edificio existente reformarase para albergar a cociña e zonas de servizo anexas, o comedor, o despacho de dirección, os aseos adaptados e unha sala de reunións, así como un distribuidor e unhas escaleiras que comunicarán esta planta coas superiores. Na zona de nova construción situarase o acceso principal da residencia, a recepción, o monta-padiolas (que servirá tamén de ascensor), un pequeno almacén de roupa, 5 dormitorios para residentes, con cuarto de baño adaptado cada un deles, así como os vestiarios e aseos do persoal. Nesta parte do edificio situarase outra escaleira que unirá esta planta coas altas.

A primeira planta albergará na zona do edificio existente unha sala multiuso, un local para fisioterapia, un ximnasio, un despacho médico, unha habitación de enfermería con baño incorporado adaptado, e dous aseos para uso para uso xeral adaptados. Na parte de nova construción haberá 6 habitacións cada unha delas cun baño adaptado incorporado e un local para baño xeriátrico, así como unha pequena zona de estar.

Na segunda planta, na parte correspondente ao edificio existente, haberá 9 habitacións cada unha delas con baño adaptado incorporado, mentres que a parte de nova construción albergará 6 habitacións con baño adaptado cada unha, así como un pequeno local para almacén e útiles de limpeza.