Skip to main content
A PastorizaActualidade

O BNG pide pintar de forma urxente a estrada que atravesa A Pastoriza

Por 25 Marzo, 2019Sin comentarios

O voceiro do BNG na Deputación de Lugo vén de anunciar a presentación na Deputación dunha iniciativa para o próximo Pleno do día 26 de marzo encamiñada a solucionar o grave problema que están a ter as veciñas e veciños da Pastoriza, os cales están a ver como estes días lles están a impoñer sancións por aparcar ao longo da estrada principal que cruza esta vila. O motivo destas sancións radica en que a estrada provincial esta sen pintar e, ao carecer desta sinalización horizontal, “teoricamente” os vehículos que estacionen poden ser sancionados e así o está a facer estes días a Garda Civil.

“Isto é xa o que faltaba. Primeiro póñenlles sinais de límite de tolelaxe que impiden circular aos tractores polas estradas da Deputación que atravesan o concello e agora múltanos por aparcar na propia vila por culpa da desidia da Deputación que ten as súas estradas sen pintar”, comentou o voceiro do BNG Xosé Ferreiro. “Dende logo, cada día que pasa queda máis demostrado que as deputacións non aportan nada positivo á cidadanía ninao desenvolvemento das provincias, cando menos a de Lugo”, continuou o Deputado nacionalista.

Dado que esta situación se produce pola “incompetencia” da Deputación e por un “exceso de celo” da Garda Civil, dende o BNG ademais de esixir o inmediato pintado desta estrada, tamén se solicita que dende o Goberno da Deputación se proceda a manter contactos coa Subdelegación do Goberno en Lugo para mirar a forma e buscar solucións para que estas sancións non recaian nos petos das persoas da Pastoriza. “Non sería de recibo que estas persoas tiveran que pagar as consecuencias da mala actuación das administracións” concluíron dende o BNG na Deputación de Lugo