Skip to main content
ActualidadeCospeito

O alcalde de Cospeito negouse no Pleno a falar do estado da Casa da Cultura

Por 1 Abril, 2019Sin comentarios

Os socialistas de Cospeito no conseguiron o respaldo de Pleno sobre o estado da Casa da Cultura de Feira do Monte, xa que o alcalde do PP, Armando Castosa, negouse a debater a moción alegando que era mentira que estivera pechada. Segundo explicou a representante socialista, Rosa Morán, “aínda que se negue a debater nada a casa segue pechada e o que fixo no pleno foi negarse a debater unha evidencia”.

Ademais, segundo explican, poden verse cuncas recollendo auga polas continuas goteiras tanto na entrada como nas distintas dependencias, cafetería, salón de actos, biblioteca, baños, cociña e almacén na planta baixa, coas graves consecuencias que esto ocasiona tanto aos usuarios coma aos arrendatarios da cafetería.

“Tamén na caldeira da calefación como todo o entramado de tuberías están sumamente deteriorados con continuas fugas e  goteiras que se suman ás do tellado, incluso estando moitas veces a calefación apagada con todo o que elo supón”, engaden.

Recentemente caeu a cornixa da parte superior da fachada, “por sorte non ocasionou danos a persoas, pero puido ter ocurrido unha desgraza, ou pode ocurrir nun futuro se non se arranxa en condicións”, recalca.

Os socialistas afirman que hai graves problemas coa cociña situada na planta sótano, tamén con goteiras e grandes humidades, polo que o actual arrendatario vese gravemente perxudicado. Incluso no mes de novembro rexistrou un escrito no Concello facendo constar as queixas polo estado das instalacións do que non tivo resposta.

Por todo isto o grupo socialista de Cospeito presentou unha moción instando ao alcalde a que explique a actual situación do contrato da cafetería da Casa da Cultura de Feira do Monte e a instar ao goberno municipal ao arranxo integral deste edificio, reparando o exterior, toda a instalación da calefación e demáis dependencias, así como o almacén, cociña e baños do sótano.

PARQUES INFANTÍS

Os socialistas sí obtiveron o apoio do Pleno no moción na que pedían arranxar o estado de deterioro no que se atopan os parques infantís de Feira do Monte e Muimenta, cumprindo así coa normativa vixente. Segundo o alcalde, os parques “non están tan mal e revísanse todos os anos”. Aínda así, o Pleno acordou facer atención a estas instalacións e cursar unha solicitude para as subvencións da Xunta de Galicia.

XUÍZ DE PAZ

O tema da elección do candidato do PP á Alcaldía de Burela, Manuel Rouco, como xuíz de paz de Cospeito levantou moita discusión no Pleno. Tal e como constataron os socialistas, o Tribunal Superior de Xustiza non aceptou ningún dos tres candidatos presentados por acordo plenario e decidiu nomear a esta persoa para este cargo malia non ter relación co Concello.

Os socialistas, que non entraron a valorar a decisión do Tribunal, si quixeron afear a conduta do alcalde que en ningún momento comunicou a decisión do ente ao concelleiros nin aos tres candidatos escollidos. Do mesmo xeito, reclamaron que non pedise explicacións sobre tal nomeamento cando se presentaron tres candidatos en tempo e forma e non se optou por ningún mentres que noutros concellos foi escollida unha das persoas presentadas.

PUNTO LIMPO

A voceira socialista de Cospeito alegou tamén que o punto limpo de Cospeito non ten as acreditacións oficiais como punto limpo. Segundo explicou trala investigación realizada sobre a documentación subministrada polo Concello, porque este non enviou a documentación solicitada pola Xunta para conseguir dita acreditación. A razón que esgrimiu o Concello é a falta de fondos para realizar ditas xestións.

Mentres tanto, Rosa Morán asegura que a situación non mellora e tras unha limpeza da parte exterior en días pasados, volve estar todo estrada de desperdicios.