Skip to main content
Actualidade

O concurso escolar de recitado poético Rosalía sempre viva, chega xa á súa quinta edición.

Por 5 Abril, 2019Sin comentarios

A Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei celebra este sábado 6 de abril a fase final do concurso escolar de recitado poético Rosalía sempre viva, que este ano chega xa á súa quinta edición.

Esta iniciativa escolar, a cuxa fase final chega de novo un centenar de rapazas e rapaces procedentes de toda a xeografía galega logo dunha fase previa desenvolvida nos centros educativos inscritos, está dirixida a todo o alumnado galego de ensino non universitario, desde Primaria a Bacharelato e Ciclos Formativos.

Centrada no recitado de versos da obra en galego de Rosalía de Castro ou da ampla produción poética de Manuel María, o concurso escolar que convoca a Casa-Museo Manuel María ten como obxectivo potenciar a expresión oral e a creatividade do alumnado a través do coñecemento e o recitado da poesía de dúas das voces máis importantes e populares da nosa literatura.

O alumnado participa do certame en catro categorías diferentes a depender da súa idade: a Categoría 1 e 2 corresponden cos cursos de Educación Primaria e a 3ª e a 4ª cos da ESO e o Bacharelato e Ciclos Formativos. A participación na fase final é individual, podendo seleccionar cada centro un máximo de 2 alumnos finalistas por cada categoría. Porén, na Categoría 1 (1º, 2º e 3º de Primaria) é posíbel a participación en grupo nos cursos de 1º e 2º.

Dado o elevado número de alumnas e alumnos concursantes, así como das familias e docentes, e a limitación dos espazos da Casa-Museo, a xornada do vindeiro sábado celebrarase en dúas quendas, de mañá e de tarde. A final para as categorías 1 e 2 comezará ás 11.15 da mañá e para as 3ª e 4ª ás 16.45 horas. A entrega de premios terá lugar, a da mañá, a partir das 12.35 horas e a da tarde a partir das 17.55.