Skip to main content
ActualidadeCospeito

Arrinca hoxe a Moexmu 2019

Por 5 Abril, 2019Sin comentarios

O Concello de Cospeito, e máis concretamente Muimenta, acolle esta fin de semana a XXXV edición da Mostra Exposición Moexmu 2019, que englobrará un novo concurso de gando frisón (na súa XXIII edición), unha mostra de raza rubia galega (XXIII edición) e a poxa de gando selecto (na súa edición número XIII).

O programa arrincará o venres ás 1o:00 horas, momento no que terá lugar a inauguración oficial e a apertura do recinto ferial Manuel Vila López. O pregón, que se lerá ás 19:20 horas, estará a cargo do xornalista da TVGManuel Cruz. De feito, este día inaugural estará dedicado á terceira idade, polo que varios autobuses percorrerán o concello de Cospeito para facilitar o acceso aos maiores ao recinto. 

O sábado 6 terá lugar, a partir das 10.00 horas, será a apertura das instalacións para poder ver a exposición do Centrad, e despois ás 12:00 comezará a poxa de gando selecto, e ás 15:30 será a quenda do concurso de gando frisón, o único concurso de gando que ten lugar na provincia.

Benjamín Parga Álvarez e Ahmed Taleb Folgueira serán os veciños que inaugurarán a feira nesta edición. Benjamín foi zoqueiro, barbeiro e mestre, e como paradoxas da vida, o bisavó de Ahmed era amigo íntimo de Benjamín.

No concurso deste ano haberá 18 seccións e campionatos entre xatas, xovencas e vacas, e haberá trofeos para os máis destacados participantes. De feito, o propietario da vaca campioa recibirá 1.750 euros, 500 para a xovenca campioa e 250 para o mellor criador. Nesta edición había rexistrados 75 animais, 60 para concurso e 15 para a poxa. Esta edición é a máis baixa dende fai dúas décadas.

Hai 10 gandeirías entre o concurso e a poxa. Por outra banda, na exposición de Raza Rubia Galega participarán 9 exemplares. O xuíz encargado este ano do concurso será Santiago García Souto, que é propietario da gandería Finca La Asunción da Coruña.

A tarde do sábado cobrará protagonismo a parte expositiva da feira, na que será a apertura do Museo da Zoca e da Escola Vella.

Hai un total de 25.000 metros cadrados adicados a exposición, dos cales, 15.000 serán ocupados por maquinaria nova e usada, coches e motos. Haberá 110 expositores con stands nos que poderá verse artesanía popular galega, produtos de calidade, viños, mel e utensilios entre outras variedades. A representación galega é a máis destacable aínda que tamén acudirán expositores das provincias limítrofes.

O domingo 7 haberá concurso de manexadores pola mañá e a entrega de trofeos aos gañadores das diferentes seccións do concurso de gando. Todo isto antes do xantar, cando se clausurará oficialmente a feira.

Nesta edición, o programa ampliarase á tarde do domingo cunha nova demostración dun ferreiro, a actuación da Asociación Cultural Charanga de Betanzos e o Concurso Monográfico de Raza Can de Palleiro.

O orzamento total da mostra ronda os 55.000 euros e na súa financiación participan Deputación Provincial e Xunta de Galicia ademais doutras entidades públicas e privadas.