Skip to main content
Actualidade

As Pontes inicia as obras de mellora da seguridade viaria en Goente

Por 9 Abril, 2019Sin comentarios

O Concello das Pontes inicia as obras de mellora de servizos e seguridade viaria na marxe esquerda da AC 564 ao seu paso pola parroquia de Goente.

Os traballos, que non afectarán ao tráfico rodado, comezarán coa limpeza da zona para a continuación proceder á reposición dos servizos de saneamento e abastecemento que, debido á súa antigüidade, sofren continuas roturas que afectan á calzada, causando unha constante perda da calidade do pavimento, tanto do viario como das beiravías.

Así, está prevista a execución dunha nova rede de saneamento en PVC coas acometidas correspondentes, tanto para augas residuais como pluviais e os seus sumidoiros así como a instalación dunha nova rede de abastecemento, as acometidas domiciliarias e dúas bocas de rega.

Por outra banda, debido a que o ancho das beirarrúas neste tramo viario é insuficiente e non cumpre cos requisitos de accesibilidade (altura, pendentes, etc.) os traballos permitirán levar a cabo a súa regularización e ampliación nas zonas nas que sexa necesario, eliminando as barreiras arquitectónicas e impulsando a mobilidade e a seguridade da estrada.

Deste xeito, acometerase a reposición das beirarrúas con formigón continuo coloreado e cun tramo en senda, debido ás especiais condicións orográficas do terreo, e procederase á mellora da beiravía e o seu sistema de recollida de augas pluviais.

A obra concluirá coa pavimentación dos pasos de peóns segundo a lei vixente, con baldosas de tipo botón e direccionais, co pintado da sinalización horizontal e a recolocación dos sinais de tráfico, as biondas, portacolectores e varandas.

Esta obra, incluída no Plan de Obras e Servizos Único da Deputación da Coruña ( POS+ 2018), ten un orzamento de 272.670,92 euros e será executada por Cotoverde Obras y Servicios S.L