Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

O PSOE afirma que a Xunta deixou sen executar 305 millóns de euros no rural

Por 11 Abril, 2019Sin comentarios

A portavoz de Facenda e Política Municipal do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou á Xunta de deixar sen executar un total de 305 millóns de euros correspondentes a programas relacionados co desenvolvemento do rural e asentamento poboacional dende 2016. A responsable socialista presentou unha pregunta oral na que sinalou o “fracaso” da “Lexislatura do Rural” que ten anunciado Feijóo en 2016.

A responsable socialista aludiu así aos datos de execución orzamentaria do programa 712A, Fixación de Poboación no Medio Rural, no que deixaron sen executar 29 millóns de euros dende 2016, e dos programas de Actuacións e Valorización do Medio Rural e Dinamización Económica do Medio Rural, nos que deixaron sen executar 276 millóns de euros dende 2016.

Rodríguez Rumbo sinalou que estes datos “desmenten as declaracións de Feijóo cando anuncia a Lexislatura do Rural, así como a idea de bo xestor e a política de publicidade e propaganda do PP”. Explicou que o seu Plan para fixar poboación no rural en realidade é “a recollida de partidas orzamentarias que xa existían, xuntas nun papeliño e algunhas delas incluso recurtadas”, para dificultar o seguimento orzamentario.

A consecuencia, dixo, é que de acordo coa EPA, o sector da Agricultura perdeu 19.600 ocupados dende 2009, que foron 3.500 dende a posta en marcha do “suposto Plan” para fixar poboación no rural. Criticou que “hoxe somos menos, temos unha Galicia máis envellecida, a maior parte do emprego novo é precario, falla o apoio aos sectores produtivos e perdemos servizos no rural, sinaladamente transporte, comunicacións, sanidade e educación.

Galicia ten hoxe, logo de dez anos de goberno de Feijóo, 95.000 persoas menos, con 220.000 menores de 40 anos que teñen marchado e onde unha de cada catro persoas é maior de 65 anos e, en definitivo, a terceira Comunidade Autónoma con menor crecemento vexetativo de España, perdendo 13.517 habitantes.