Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Os alcaldes chairegos únense fronte os incendios forestais

Por 22 Abril, 2019Sin comentarios

Os alcaldes da provincia de Lugo mantiveron unha reunión para falar da colaboración entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en materia de protección das aldeas fronte os incendios forestais. O encontro xirou arredor do convenio entre Medio Rural, a empresa pública Seaga e a Fegamp para a posta en marcha dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, é dicir, aquelas situadas preto dos núcleos de poboación.

Así, explicouse que o Goberno galego prestará apoio técnico aos concellos adheridos para que elaboren os seus plans municipais de defensa contra incendios, con ferramentas administrativas e informáticas específicas. Así mesmo, axilizarase e simplificarase a xestión de todos os requirimentos e notificacións que os concellos teñan que facer aos veciños en cumprimento das súas obrigas ao respecto da xestión da biomasa.

A previsión é actuar nunhas 700 aldeas de 68 parroquias de toda a comunidade autónoma no período 2019-2022, priorizando aquelas con maior problemática incendiaria. Así, está previsto actuar nunhas 4.500 hectáreas este ano, ata chegar a unhas 16.000 ao remate do período.

Deste xeito, diante dunha faixa situada nun concello adherido, se hai un propietario coñecido e este se incorpora ao sistema público a través dun contrato de xestión, Seaga procederá á xestión da biomasa, pagando o titular do terreo unha tarifa uniforme fixada por hectárea de 350 euros.

Na zona da Terra Chá son tres as parroquias seleccionadas, dúas en Xermade, Cazás (San Xulián) e Lousada (Santo André); e unha na Pastoriza, A Regueira (San Vicente).