Skip to main content
ActualidadeVilalba

O Iescha distingue a Alfonso Blanco como Socio de Honra

Por 23 Abril, 2019Sin comentarios

Na Asemblea Xeral Ordinaria que o Instituto de Estudos Chairegos celebrou o pasado día 22 de marzo de 2019, nun dos puntos da Orde do Día, e a proposta da Xunta Directiva, acordouse, por unanimidade dos asistentes, outorgar a condición de Socio de Honra do Instituto de Estudos Chairegos a Alfonso Blanco Torrado, crego, ensaísta, mestre, conferenciante e dinamizador cultural; fundador da Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz e da Irmandade Manuel María.

Esta distinción foi outorgada “pola súa categoría humana e intelectual; por ser impulsor de infinidade de actividades culturais; por estar sempre disposto a fomentar a convivencia e apoiar aos demais en todo o que precisen; polo seu
compromiso inquebrantable coa lingua e a cultura galegas, así como pola súa participación en movementos de dinamización e promoción da cultura galega en xeral e chairega, en particular”.

Alfonso Blanco Torrado é mestre, dinamizador cultural, escritor, conferenciante e, por riba de todo, uncrego de aldea. A historia vital de Alfonso Blanco está unida polos fíos do corazón a Guitirz e á comarca que el elixiu como fogar. Con catro anos, Alfonso Blanco, o maior de seis irmáns, descubriu o que era o rural. Do ambiente urbano daquel Montevideo onde nacía, como el di, polo idus de marzo de 1950, mudouse coa súa familia a Tella (Ponteceso).

Alí tamén se ordenaría como sacerdote en outubro de 1976, o mesmo ano no que o bispo Araúxo o destinou a Guitiriz
coa encomenda de dinamizar a xuventude. Máis de 40 anos despois daquela viaxe sen retorno, vén de ser nomeado Fillo
Adoptivo en recoñecemento ao seu inconmensurable labor de servizo á comunidade.