Skip to main content
AbadínActualidade

O O PSOE de Abadín presenta unha candidatura cualificada “para acabar con 40 anos de políticas nocivas para os veciños”

O PSOE de Abadín presentou aos veciños a candidatura dos socialistas para próximas Eleccións Municipais e que encabezará o actual voceiro municipal, Pablo Díaz López. Durante o acto estivo arroupado polo Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, así como compañeiros do partido na Comarca da Mariña.

Pablo Díaz agradeceu o respaldo da agrupación para liderar o proxecto do PSOE en Abadín e puxo en valor a todos os integrantes da lista “por dar un paso adiante e comprometerse co Concello. Presentamos un equipo moi ilusionado que traballará para facer fronte ao desgoberno do Alcalde do PP que durante case 40 anos leva lastrando o futuro do noso municipio, con políticas nocivas para os veciños. Para iso levaremos a cabo iniciativas encamiñadas a fixar poboación. Incentivaremos a natalidade, ofrecendo axudas e vantaxes ás familias; deseñaremos políticas de emprego para xerar novos postos de traballo no Concello, poñendo en marcha o polígono industrial que leva máis de unha década parado e sen unha soa empresa instalada; aproveitaremos os recursos que nos ofrece o rural, facendo concentracións parcelarias para as explotacións agrícolas e gandeiras; e iniciaremos o proxecto da residencia de maiores a través da Rede Provincial da Deputación, unha dotación moi demandada polos nosos veciños”.

“Abadín ten un grave problema cos servizos públicos municipais, pois son moi precarios, como a recollida de lixo, os puntos limpos, a limpeza e reparación de espazos públicos…e todo isto provocado por un Alcalde indolente que o único que lle preocupa son os seus intereses e non os dos veciños. Pero non é raro vindo dun rexedor que incumpre sistematicamente a lei e que non celebra nin os plenos municipais. No eido económico estamos igual ou peor. O PP non inviste nin un só euro en mellorar infraestruturas ou prestacións públicas pero logo gasta 200.000 euros nun tractor-camión que non se utilizou nunca. Un exemplo máis do despilfarro deste Alcalde. Dende o PSOE queremos acabar con esta dinámica caciquil e presentaremos uns orzamentos transparentes e nos que queremos que os veciños participen e formen parte de eles, achegando as súas propostas. Temos que pasar páxina e mirar cara o futuro de Abadín. Merecémonos moito máis”, subliñou Pablo Díaz.

O Secretario Provincial puxo en valor os case 2 millóns de euros achegados polo Partido Socialista no Executivo da Deputación “para mellorar a calidade dos veciños de Abadín”. Santos Ramos detallou varias actuacións levadas a cabo no Concello grazas ao investimento da Deputación como a rehabilitación de accesos e pistas municipais, o equipamento da Casa do Concello, a pavimentación da estrada de Fontevella ao Carrizal, a recuperación de terras abandonadas, así como a celebración de actividades para potenciar o turismo e dinamizar a cultura. “E a Xunta que fixo? Nada. E iso que son da mesma cor política. Aí demóstrase quen está implicado de verdade coa sociedade e quen non”.

“Temos unha lista de mulleres e homes que dende os seus respectivos ámbitos persoais e laborais poden facer fronte aos retos que temos por diante”, destacou o candidato. A lista do PSOE está integrada por Pablo Díaz López, Alberto Rodríguez Folgueira, Miguel Ángel Martínez Neira, Luis Gómez Pérez, Patricia Carballeira Grandio, Jesús Fernando Vázquez Galdo, Guillermo Hermida Otero, Edmundo Freire Castro, José María Lis Otero, Constantino Pérez Álvarez, Alba Lozano Nieto-Aguiar e Lorena Barreira Sáa.