Skip to main content
Actualidade

Comezan as obras na praza da Madalena das Pontes

Por 19 Maio, 2019Sin comentarios

O Concello de As Pontes vai comezar nestes días cos traballos de mellora de accesibilidade, pavimentación e acondicionamento da praza de A Madalena.

Procederase a realizar as obras necesarias para levar a cabo a reurbanización e acondicionamento da accesibilidade en todo o ámbito da praza de A Madalena, mediante a execución de novas zonas verdes, instalación dunha fonte transitable (constituída por nove surtidores con bombas en cada surtidor), nova área de xogos infantís, mellora do alumeado, rede de drenaxe de pluviais e instalación de mobiliario con mesas e bancos de distintas lonxitudes.

Para as zonas verdes executarase unha rede de rego independente da rede de auga potable, con seis circuítos de entre cinco e nove difusores. Contarase tamén cunha estación meteorolóxica que controlará a totalidade dos circuítos, o funcionamento dos cales o regulan as electroválvulas.

Contémplase así mesmo, a execución dunha rede de electricidade conectada á rede existente, en orde a prestar subministro de electricidade tanto á rede de rega coma á fonte transitable.

Esta actuación, que está financiada pola Deputación coruñesa a través do Plan de Obras e Servizos 2018, contará cunha dotación de 234.724,56 euros.

Con esta actuación, dende o goberno local séguese na liña de mellora dos diferentes poboados que pasaron a titularidade pública logo da sua cesión por Endesa.

Dende o Concello estase a asumir en cada un dos antigos poboados de Endesa, a remodelación integral dos viais, e os servizos básicos de abastecemento, alcantarillado e alumeado.