Skip to main content
Actualidade

O BNG denuncia que ás traballadoras do SAF de Outeiro négaselles o do desprazamento

Por 21 Maio, 2019Sin comentarios

O BNG vén de denunciar a precaria situación na que están a vivir as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Outeiro de Rei, as cales tendo un salario que chega moi escasamente aos 1.000 euros mensuais téñense que desprazar por todo o concello e non perciben compensación algunha polos gastos de desprazamento.

Dáse a circunstancia que nalgúns casos teñen que ir ata tres veces á casa dun usuario que está no outro extremo do concello, tendo que facer ata 50 km nun día e néganlles calquera compensación por estes desprazamentos. “Esta circunstancia fai que se estean a producir auténticos abusos e xa obrigou a varias traballadoras a abandonar este traballo porque literalmente “perdían cartos” co salario que cobraban”, informou o concelleiro de BNG Xosé Ferreiro.

Agravio comparativo con respecto ao alcalde e tenente de alcalde

Esta circunstancia “choca” fortemente co cobro “desmesurado” que levan a cabo o alcalde e tenente de alcalde, os cales cobran cada ano arredor de 13.000 euros en gastos de desprazamento polo concello.

“O alcalde cun salario de máis de 43.000 euros ao ano, xunto do seu tenente de alcalde, pásanlle ao concello anualmente 42.000 km, a 0.30 euros/km, cobrando máis de 12.500 euros ao ano e, ao mesmo tempo, néganse cubrir os gastos a estas traballadoras que cobran escasamente o salario mínimo. É unha inxustiza que hai que corrixir urxentemente”, manifestou o voceiro do BNG en Outeiro, Xosé Ferreiro.

Deste xeito, dende o BNG asegúrase que no caso de que se teñan responsabilidades no novo goberno municipal será unha das cuestión que haberá que corrixir con urxencia.