Skip to main content
ActualidadeVilalba

O PSOE de Vilalba sublíñase como o partido do cambio

Por 22 Maio, 2019Sin comentarios

A candidata socialista á alcaldía de Vilalba, Elba Veleiro, subliñou que “o próximo 26 de maio temos unha oportunidade histórica de cambio en Vilalba. Xogámonos o futuro despois de 40 anos dun goberno do PP fracasado e esgotado. Temos motivos para crer que esta vez si, o PSOE será o partido que lidere as políticas de cambio para os nosos veciños”. Afirmouno no mitin celebrado este martes e no que tamén participaron o Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, o Deputado do PSOE no Parlamento Galego, Luis Álvarez e o Secretario Xeral Local de Vilalba, Rodrigo Pavón.

Os socialistas proxectaron un vídeo no que o Secretario de Organización do PSOE, José Luis Ábalos, amosaba o apoio explícito de todo o partido á candidatura de Vilalba para acadar a alcaldía no Concello.

Elba Veleiro destacou que “hai 4 anos quedámonos a 20 votos da Alcaldía. Este ano estamos convencidos de que, coa axuda dos vilalbeses, daremos un paso máis para acabar coa inacción do PP. Porque os socialistas non estamos interesados en manter as cadeiras, o único que nos preocupa é responder ás demandas dos veciños que levan tempo sen ser atendidas pola falta de vontade política. O PSOE é a alternativa real e sólida ao cambio que necesita o Vilalba, que merece ter, como capital da Terra Chá, voz e peso na provincia. Porque o demostramos dende os Goberno da Deputación e do Estado, achegando novos investimentos e tomando medidas que benefician directamente aos nosos veciños, e dende a oposición, no Concello e no Parlamento Galego, presentando iniciativas que foron sistematicamente rexeitadas polo PP ”.

“Temos a ilusión e a forza de acadar este obxectivo común que é devolver a Vilalba o lugar que lle corresponde. E o faremos a través dunha lista froito do traballo de moitos socialistas que pelexaron durante anos por ofrecer un proxecto de futuro. Porque fomos nós os que conquistamos os piares que fixeron unha sociedade máis xusta, con máis igualdade de oportunidades e con máis cohesión social, con dereitos públicos e universais. E somos nós os que queremos recuperar todos eses valores para Vilalba. É o momento do cambio, é o momento do PSOE”.

3,3 millóns achegados polo PSOE dende o Goberno da Deputación
Santos Ramos salientou os investimentos levados a Vilalba dende o Executivo Provincial durante estes 4 anos para mellorar os servizos básico municipais. O Secretario Provincial detallou varias das actuacións financiadas pola Deputación como a renovación da rede de abastecemento de auga en Camiño do Sixto e mellora de pavimento nos camiños do Sixto a Campos de fútbol de Guadalupe, de Ventorro a igrexa de Sancobade, de Alba a Buríz e Corvite a Román, de Ponte Trimaz a Gondaisque e de Cruz a Ponte de Pazos ou o arranxo de 2,2 quilómetros da LU-P-6513, de Vilalba a Camposo de Foxo de Penamaior e rampla a Xermade, así como a estrada que vai a Lanzós e San Simón.

Luis Álvarez denunciou que o Partido Popular rexeitou todas as propostas presentadas polo PSOE na cámara galega. En concreto, foi a dotación dun novo centro de día, a dotar de ascensor á Casa da Xuventude de Vilalba, unha dotación da Xunta que non cumpre coa Lei de accesibilidade, fondos para a dotación dunha EDAR, que se comprometeu xa no ano 2009 e non existe ou humanizar a Praza de Santa María a súa contorna que se atopa a pé do Camiño. “A Deputada vilalbesa do PP no Parlamento Galego, Sandra Vázquez, terá que explicarlles aos veciños de Vilalba porqué votou en contra destes proxectos que, sen dúbida, mellorarían a calidade de vida dos cidadáns”.