Skip to main content
ActualidadeRiotorto

O BNG de Riotorto propón axudas para o consumo eléctrico e para o estudo no seu programa electoral

Por 23 Maio, 2019Sin comentarios

O BNG de Riotorto percorre nestes días as parroquias para dar a coñecer á veciñanza o seu programa electoral, un compendio de medidas que teñen como obxectivo recuperar a axenda social para o concello e crear as condicións para que a sangría demográfica non siga avanzando.

Os  nacionalistas avanzan que estudarán “establecer axudas anuais para paliar os gastos derivados do consumo eléctrico das familias con rendas máis baixas”, aproveitando os impostos que se recaden coa posta en funcionamento do parque eólico A Pastoriza, con nove aeroxeneradores no municipio. A formación sostén que “só as políticas do BNG garanten que os ingresos que xenere o parque repercutan na veciñanza” e poñen como referencia ao concello de Muras, pioneiro en establecer  bonificacións do consumo eléctrico con cargo aos ingresos derivados dos aeroxeneradores.

Os nacionalistas recordan que durante a súa etapa no goberno modificaron as taxas por obras e licenzas urbanísticas para que o concello obtivese o máximo beneficio do parque eólico. “Unha forma de actuar ben diferente á do Partido Popular que puxo as dependencias municipais ao servizo dos representantes de Norvento para que negociasen a compra dos terreos”, denuncian. O Concello de Riotorto ingresará uns 765.000 euros polo  Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) e pola  licenza urbanística que debe pagar  a empresa éolica.

As medidas de carácter social son o eixo central do proxecto dos nacionalistas que propoñen recuperar a gratuidade do Servizo de Axuda a Domicilio, que mantiveron sen custe adicional para os veciños durante os seus mandatos, crear un banco con material ortopédico e establecer axudas ao estudo.

O programa electoral compromete achegas de 100 euros as familias con nenas e nenos matriculados no colexio de Riotorto ou nos institutos dos concellos veciños onde teñen que completar a ensinanza obrigatoria. Tamén propoñen axudas para transporte destinadas a estudantes de Bacharelato, ciclos ou estudos universitarios.

“A nosa prioridade será crear as condicións para que as veciñas e veciños poidan vivir no concello”, conclúen os nacionalistas, que propoñen incentivar a produción ecolóxica e tradicional nas explotacións agrogandeiras do municipio.