Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Natural é sinónimo de saudable?

Por 14 Xuño, 2019Sin comentarios

Por Marta P. Fandiño

Milleiros de produtos resaltan nos seus envases as palabras “natural”, “sen aditivos”, “sen conservantes”, “rústico”, “tradicional” e un longo etcétera, facendo máis chamativos os alimentos coa intención de aumentar as súas vendas entre a poboación, principalmente naqueles que buscan mellorar a súa alimentación diaria ou que se preocupan en comparar as etiquetaxes, buscando a mellor opción dispoñible. Sen embargo, esta información presente na dianteira dos envoltorios, non é suficiente á hora de decantarse por un produto. Que un alimento alegue ser “100% natural”, non quere dicir que sexa saudable, posto que existen varios ingredientes extraídos da natureza que non son recomendables para un consumo diario, algúns exemplos son o azucre de cana ou de remolacha, a fariña branca, as manteigas de porco, a graxa de palma, o sal e unha longa listaxe máis.

Por outra banda, se ben é certo que reducir ou eliminar conservantes e aditivos nun produto resulta bastante interesante, que o alimento final non os conteña non é sinónimo de que sexa un produto recomendable para o consumo, posto que habitualmente incorporan outros engadidos, se cadra máis prexudiciais para a saúde. O reclamo dos alimentos tradicionais, caseiros, rústicos…tamén gaña adeptos debido á crenza de que os problemas de aumento de peso corporal están relacionados cos cambios alimentarios das últimas épocas, que coinciden co aumento da dispoñibilidade de produtos envasados e precociñados nos supermercados, así coma co aumento no consumo de comida rápida. Pero, aínda que esta relación non é incerta, o aumento da prevaleza da obesidade tamén se relaciona con cambios no estilo de vida, especialmente no tipo de traballo desenvolto e polo tanto, no esforzo físico diario, que permitía no pasado consumir un número elevado de calorías sen producir aumentos de peso, pero que actualmente non resulta suficiente.

Así pois, os produtos cos lemas “tradicional”, “caseiro”, “rústico” conteñen a miúdo ingredientes como graxas e azucres nas súas listaxes de composición, e se ben o chourizo, o unto, o mel, o azucre… forman parte da alimentación tradicional, o seu consumo non é recomendable e relacionase directamente con problemas de saúde, facendo que os alimentos que os conteñen non resulten unha boa alternativa. Cabe recordar que a única forma de corroborar a salubridade dun produto é ler a súa listaxe de ingredientes e comprobar que non conteña ningunha sustancia pouco recomendable ou que a cantidade da mesma, sexa mínima. Dentro desas sustancias, pódense marcar 4 como as realmente prexudiciais para a saúde, o que non inclúe aditivos alimentarios. Estas 4 sustancias, son as fariñas refinadas, o azucre, as graxas saturadas e o sal, que poden aparecer con eses nomes ou escondidos baixo diferentes nomenclaturas.

A OMS, recomenda que non se supere un consumo diario de azucre de 25g, é dicir sobre 5 ou 6 culleradas cativas por día o que tamén incluiría similares como o mel, a panela, a melaza… Por tanto, si xa se opta por empregala no café, é posible que unhas rabañadas de pan de molde, galletas, bolos ou salsas, fagan excederse de dita cantidade por moi “naturais” ou “rústicas” que sexan. O mesmo ocorre coa cantidade de graxas saturadas e sal.

Cantos máis ingredientes individuais e libres de etiquetaxe haxa na cesta da compra, máis naturais é saudable será, posto que o estar ditos alimentos compostos dun único produto non existe lugar a dúbidas. O consumo de froita, peixe, carne, ovos, legumes, verduras e hortalizas, arroz… si que se corresponde cunha alimentación tradicional, equilibrada e saudable, o máis libre posible de aditivos, graxas, azucres e sales engadidos.

En resume, é recomendable fuxir daqueles alimentos que se vendan coas palabras “natural”, “tradicional”, “rústico”, “sen colorantes” ou “sen conservantes”, posto que seguramente teñan ingredientes non recomendables que intentan ocultar baixo ditos lemas. Para corroborar se isto é así, tan só hai que ler a listaxe de ingredientes.