Skip to main content
ActualidadeCospeitoMeiraRábade TERRACHÁXA

Centros de Rábade, Meira e Cospeito, premiados no certame Consumópolis

Por 16 Xuño, 2019Sin comentarios

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, participan na entrega de premios do certame escolar Consumópolis.

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, xunto coa presidenta do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, Rosa Celia Otero, entregaron hoxe os premios da fase autonómica do certame escolar de consumo responsable Consumópolis. Nesta décimo cuarta edición, organizada pola Xunta, baixo o lema Pola túa seguridade, sabes o que consumes? participaron uns 700 alumnos e alumnas de toda Galicia, que tiveron que deseñar, elaborar e presentar un traballo conxunto sobre consumo responsable, que consistiu nun prototipo ou maqueta dun produto novo e orixinal, creado por eles mesmos, que debía ir acompañado dunha etiqueta e unha ficha explicativa.

O alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria (Categoría A) tivo como temática: os xoguetes, artigos deportivos ou material escolar. E o alumnado de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria (Categoría B) , xunto co de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria (Categoría C) tivo como temática: a moda, aparellos eléctricos ou electrónicos, smartphones e artigos deportivos.

O alumnado participante reflexionou así sobre a importancia de consumir de forma consciente, crítica, solidaria e responsable.

Na fase autonómica de Consumópolis, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, establecéronse tres categorías por idades, concedéndose premios para os 3 mellores traballos en cada tramo de idade, dotados con 1.000 euros os primeiros premios, 600 euros os segundos e 300 euros os terceiros.

Centros premiados
Na categoría correspondente a 5º e 6º curso de primaria clasificáronse en primeiro lugar os alumnos do CEIP Otero Pedrayo, na localidade de Rábade (Lugo); e en segundo lugar un equipo do CEIP de Lourido, en San Salvador de Poio (Pontevedra); mentres que o terceiro premio foi de novo para un equipo do CEIP de Lourido de Poio.

No tocante á categoría de 1º e 2º curso de ESO, o primeiro premio recaeu no IES Plurilingüe Pedra da Aguia de Camariñas, na provincia da Coruña; o segundo premio no IES de Catabois, en Ferrol, na Coruña, e o terceiro premio foi para un equipo do IES Pedregal de Irimia de Meira, en Lugo.

Na categoría de 3º e 4º de ESO, o primeiro premio recaeu no IES Rio Cabe, de Monforte de Lemos, en Lugo; o segundo premio no IES de Catabois, de Ferrol na Coruña; e o terceiro dos equipos premiados foi do CPI Plurilingüe Virxe do Monte, de Cospeito, Lugo.

Os primeiros clasificados de cada categoría representarán a Galicia na fase nacional de Consumópolis, organizada pola Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN), competindo con traballos presentados por alumnado do resto das Comunidades Autónomas.