Skip to main content
Actualidade

O BNG de Outeiro de Rei denuncia deficiencias na recollida selectiva de lixo

Por 3 Xullo, 2019Sin comentarios

O BNG de Outeiro de Rei vén de denunciar a situación na que se atopa a recollida de lixo selectiva no Concello, onde “é habitual ver contedores de vidro completamente cheos dende hai semanas e sen que ninguén se preocupe por baleiralos, situación que obriga ás veciñas e veciños a deixar as botellas en moreas no chan ou a tiralas xunto co resto de lixo, o cal parece un contrasentido despois de pasar o traballo e a molestia de facer a selección”, din.

“O concello de Outeiro leva gastado moitos cartos na recollida de lixo selectiva, sen embargo logo esta non funciona polas deficiencias da recollida. Unha vez máis demóstrase que no concello de Outeiro quen mandan son as empresas adxudicatarias e non as necesidades do concello. As adxudicacións fanse polo sistema propio do alcalde o logo ocorren estas cousas, que fan o servizo como e cando lles peta”, asegurou o concelleiro do BNG.

Dende o BNG tamén se considera que existe unha importante deficiencia no número de contedores para a recollida de envases de plástico, pois posiblemente sexa o sistema de recollida selectiva máis demandado pola veciñanza neste momento.

Dende o BNG anunciouse que levarán proximamente unha iniciativa ao concello para que se incremente de forma moi importante o número de contedores deste tipo, así como a frecuencia da recollida, sobre todo nos núcleos rurais.
“Nos núcleos rurais, moita da materia orgánica xerada recíclase nos propios hortos da veciñanza e moitos dos papeis e cartóns quéimanse nas caldeiras das calefaccións, co que os contedores que máis se necesitan son os de envases de plástico, xunto cos de vidro” informou Xosé Ferreiro.