Skip to main content
Actualidade

18 equipos da provincia firman o patrocinio da Fundación Deporte Galego

Por 4 Xullo, 2019Sin comentarios

Representantes da Xunta de Galicia fixeron a entrega dos convenios de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia para o exercicio 2019 da provincia de Lugo. A resolución definitiva do Plan publicada o pasado venres 14 de xuño, ascende neste ano 2019 ata os 3.332.219 euros. Este importe total está confinanciado entre a Xunta de Galicia e ABANCA.

No acto que tivo lugar na sede da Xunta de Galicia en Lugo, o secretario xeral destacou o aumento nun 51,2% dos contratos asinados cos 18 equipos de alta competición patrocinados na provincia lucense con respecto á tempada 2018-2019. Deste xeito, estes 18 equipos reciben esta tempada un total de 338.085,72 euros mentres que o ano pasado recibiron 223.622,24 euros.

Os equipos patrocinados na cidade de Lugo son o Club Porta XI X.B., o Club Tríatlon Cidade de Lugo Fluvial (dúatlon feminino e masculino), o Club Tríatlon Cidade de Lugo Fluvial (tríatlon feminino e masculino), a Asociación Deportiva Tripenta Terras de Lugo (dúatlon feminino e masculino), o Club Peluquería Mixta Friol, o Club Deportivo Burela Fútbol Sala (fútbol sala feminino e masculino), o Club Hóckey Feminino Meigas, o Club Patíns Lóstregos Lucus, o Club de Loitas Olímpicas Vilalba, o Club Fluvial de Lugo (piragüismo sprint feminino e masculino), o Club Piragüismo Ciudad de Lugo (piragüismo sprint feminino) e o Club Emevé (voleibol feminino e masculino).

191 equipos en toda Galicia
En total vense beneficiados nesta convocatoria de 2019, 191 equipos en toda Galicia, un 12% máis que en 2018 (171) e un 115% máis respecto ao primeiro ano do Plan, na tempada 2008-2009 que contou con 89 equipos patrocinados. Destes 191 equipos que finalmente asinarán os convenios (foron invitados ao programa un total de 213), 100 son equipos masculinos, 85 femininos e 6 mixtos. Un ano máis, o número de equipos femininos patrocinados volve medrar, 28 equipos na tempada 2008-2009 e 72 no exercicio pasado, polo que este ano medran nun 18%.

Como novidades do Plan, cómpre destacar a simplificación administrativa que supón unha axilización nos pagos que pasan de tres a dous, así como a creación dun grupo de patrocinio para modalidades e especialidades olímpicas e paralímpicas con equipos en campionatos de España de máximo nivel (karate, loita, natación e ximnasia) e a ampliación dos equipos que participen no terceiro máximo nivel en modalidades e especialidades olímpicas e paralímpicas (fútbol e baloncesto masculino e feminino e voleibol feminino).

Desde que o Plan botou a andar na tempada 2009-2010 consignáronse a este aspecto preto de 24 millóns de euros.