Skip to main content
Actualidade

Outeiro de Rei celebra este sábado a tradicional Feira de Artesanía

Por 5 Xullo, 2019Sin comentarios

Outeiro de Rei prepárase para celebrar este sábado, 6 de xullo, a súa Feira de Artesanía, celebración grande do Concello, que coincide coas festas patronais na honra de Santa Isabel, e que acada a súa XIII edición cunha serie de actividades paralelas coas que se pretende dar máis pulo aínda a esta tradicional celebración.

Unha das primeiras actividades novidosas desta convocatoria é a posibilidade de realizar paseos gratuítos en kayak polo río Miño, actividade organizada polo club de piragüismo Cidade de Lugo, que se desenvolverá entre as 16.30 horas e as 19.00.

Tamén terá lugar como actividade novidosa a primeira edición do Campionato de Escultores con Motoserra de Outeiro de Rei e a exhibición de figurismo a cargo do escultor Marcos Mariño. As persoas que desexen inscribirse neste certamen deberán traballar sobre troncos de madeira que se convertirán en esculturas con temática común vinculada ao oficio artesanal. Para anotarse hai que facelo entre os días 24 e 29 de xuño no Rexistro ata un máximo de sete participantes.

A feira contará este ano con 69 postos nos que poderán verse todo tipo de artesanía e aos que se sumarán 12 de alimentación, que estarán abertos desde primeira hora da mañá ata as 21.00 horas.

Estarán a venda produtos de cerámica, cestería, artesanía de madeira, calceta, coiro, ferro, textil, xoiería, instrumentos de música, manualidades e cantería, entre outras disciplinas. No apartado de alimentación haberá representación de mel, panadería, embutidos, queixos doces, cereixas, viños e licores.

Nos propios postos haberá demostracións en vivo de oficios artesanais, destacando a presenza do luthier Xaneco e a cesteira Idoaia Cuesta, entre outros. Paralelamente haberá diferentes obradoiros de barro e maquillaxe, dirixidos especialmente aos nenos de 5 a 12 anos, pero que tamén estarán abertos ao público de todas as idades.

O programa de actividades comezará coa V Carreira Solidaria Somos Unidos polo Cancro, que comezará ás 10.30 horas, coa salida dos corredores adultos, que finalizarán o percorrido no campo de Santa Isabel. O trazado da cerreira terá un percorrido de preto de 6 quilómetros e contará tamén con carreiras máis curtas para os pequenos. Os interesados en participar na mesma poden facelo a través da páxina web de Championchip. Dentro deste apartado solidario, tamén estará no campo de Santa Isabel un autobús para que todas as persoas que o desexen poidan doar sangue.

A programación completarase coa tradicional concentración de coches clásicos a cargo do Club 600 de Lugo a partir das 13.00 horas, unha desmotración de aproveitamento resineiro ou unha exhibición canina de obediencia a partir das 18.30 horas a cargo do grupo deportivo Fontao.

Non faltará unha nova edición, a terceira, do certame de pintura ao aire libre, que este ano aumenta a dotación de premios en metálico para os gañadores, polo que o primeiro clasificado gañará 800 euros, fronte aos 500 do ano pasado. Os interesados en participar deberán anotarse o mesmo día da feira na caseta do Concello e entregar as súas obras antes das 19.30 horas de forma anónima para a selección do xurado.

No tema musical destaca ás 13.00 horas a actuación da Banda Municipal de Música diante casa Consistorial e ás, 14.00 horas a do grupo de gaitas da asociación cultural Penas de Rodas que ofrecerá tamén un pasarrúas ás 12.00 durante a inauguraicón da feira. Ademais, ás 19.30 horas haberá na praza do Concello unha exhibición de baile rexional a cargo dos nenos da agrupación de baile infantil.

Completarase a programación tamén cun espectáculo familiar de varietés a cargo de Mircromina, que representará a obra Gyrovagus, para todas as idades.

Ademais, un bus turístico, que sairá ás 17.30 horas das inmediacións da casa consistorial, permitirá coñecer aos visitantes da feira algúns dos atractivos do municipio. E, como o ano pasado, haberá un punto de adopción canina a cargo de Gataruxa na entrada do campo de Santa Isabel.

Consulta a programación neste enlace.