Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Problemas vellos

Por 9 Xullo, 2019Sin comentarios

Por Pablo Veiga

Ven de saír á luz un informe económico elaborado e presentado pola Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia, no cal se sinala unha lamentable realidade do noso agro: As mulleres do rural galego cobraron en axudas da famosa PAC –Política Agraria Común-, de media, unhas cantidades moi inferiores ás percibidas polos homes. Segundo o mencionado informe, na campaña de dous mil dezasete, as explotacións agrogandeiras onde a titular era unha muller e que recibiron axudas desde a Unión Europea ascenderon a 15.545, por 11.818 xestionadas por homes. Pero nas cantidades percibidas resulta que, segundo os datos publicados, as primeiras, de media, cobraron case un corenta por cento menos que os seus compañeiros de profesión masculinos. Os case tres mil tres centos euros fronte ós cinco mil catro centos así o indican.

   As causas do importante desfase, como ben apuntan as autoras deste estudo, poden vir dadas porque as mulleres, en xeral, encabezan explotacións de menos envergadura, polo que sempre se optarán a axudas de menor importe. Aínda que tamén existe un importante problema, arrastrado desde tempos pasados, que ven dado porque en moitas granxas familiares do País seguimos a comprobar como as mulleres quedan nun segundo plano, non sendo titulares como si o son os seus maridos. De aí que cómpre desenvolver unha lei propia galega de titularidade compartida, que contemple as nosas especificidades, para poñer fin a esta situación totalmente inxusta e claramente discriminatoria. Porque compartir titularidade vai máis aló dun simple concepto técnico, xa que con ela iguálase non só o traballo da parella, senón que significa dispor de análogos dereitos en canto a responsabilidades de xestión, de representación e de responsabilidade. Un paso importante para combater unha descarada vulnerabilidade económica na que se atopan moitas mulleres no campo, aquí na Galicia e tamén no resto de comunidades, un problema que tamén atinxe ás sociedades europeas máis avanzadas, aínda que certamente, neses países lévannos moitos chanzos de ventaxa neste e noutros moitos eidos.

   Esa tónica discriminatoria reafírmase con outro dato obxectivo, tamén relacionado coas axudas da citada PAC, neste caso, con aquelas destinadas ó desenvolvemento rural. Nelas, son os homes quen superan ás mulleres en número, pero tamén en diñeiro recibido.

   Máis de tres cuartas partes do territorio de Galicia corresponde ó medio rural, pero a poboación que nel vive apenas chega ó vinte por cento do total. A necesidade de levar adiante proxectos encamiñados á creación de emprego resulta imperiosa. Só así se podería loitar contra unha negativa tendencia no agro galego, caracterizada por un salvaxe avellentamento, a escaseza de relevo xeracional e unha perda progresiva de habitantes, que está a levar á desaparición constante de aldeas ó longo da nosa xeografía. E a perspectiva de xénero debe ser tida en conta á hora de elaborar calquera estratexia. A capacidade emprendedora das mulleres é un plus que non se debe desbotar, polo que a eliminación das fendas nas que se atopan antóllase de obrigada actuación e de forma inmediata.