Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

O historiador Xabier Moure localiza dúas medorras e duns gravados en Friol

Por 15 Xullo, 2019Sin comentarios

O historiador Xabier Moure fixo a localización de dúas novas medorras e duns gravados no concello de Friol. O día 10 de xullo, Moure e Brais Rodríguez documentaron dúas novas mámoas nos montes da aldea das Penelas, na parroquia de Anxeriz, nunha penichaira situada a 515 metros de altitude.

Estas mámoas teñen unhas medidas de 21 e 25 metros de diámetro, e 1,5 e 2 metros de altura respectivamente. Do cráter central de violación da de menor tamaño asoman tres esteos graníticos da cámara funeraria. Ambas as dúas foron profanadas tal como o amosan os conos de violación central, posiblemente a raíz do permiso real outorgado no ano 1609 ao fidalgo e crego do couto de Recimil de Parga, Vázquez de Orxas, para buscar tesouros, o que ocasionou a destrución polos campesiños de miles de enterramentos ao longo de Galicia, algúns moi ben documentados no municipio de Friol. Unha medorra está cuberta por fentos e xestas, e sobre a outra medran carballos e un gran piñeiro.

A pouca distancia destes enterramentos atópase unha gran mámoa que documentaron en febreiro de 2018, cunhas medidas de 25 metros de diámetro e 3 de altura é que xa foi catalogada por Patrimonio. Hai uns 60 anos escaváronlle un enorme “corredor” ata o centro para extraer os esteos de granito da cámara megalítica para utilizar noutras construcións e para buscar tesouros. Nas inmediacións, tirados polo chan, é algúns atópanse partidos, hai varios chantos do citado dolmen. A pesares de velos noutras ocasións, non foi ata agora, debido á posición do sol, cando se observou sobre un dos esteos varios símbolos gravados en forma de ondulados. De feito, segundo contan os historiadores, cando destruíron o dolmen apreciaron pinturas de cor vermella e gravados. Estas representacións interprétanse como correntes de auga, co devir sinuoso da vida, ou coa serpe que na relixiosidade primitiva tiña un significado positivo. A serpe relaciónase coa fertilidade e tamén coa inmortalidade.

Estes motivos son semellantes a outros que descubriron no mesmo concello, nun esteo dunha mámoa do monte Vilaldar, na parroquia de Miraz, o pasado ano 2018 e que xa foi catalogado por Patrimonio. Estas representacións conlevan, tal como sinala a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, a súa declaración como BIC, o que lle outorga a máxima protección legal. Os gravados nas cámaras funerarias son moi escasos no megalitismo galego.

Tamén lle comunicaron a Patrimonio a agresión a dúas mámoas do monte do Espiño, na parroquia de Anxeriz, pola plantación de eucaliptos sobre os túmulos. Teñen unhas medidas de 14 e 20 metros de diámetro, respectivamente, e están catalogadas dende o ano 1997.

Sen dúbida, Friol atópase entre os concellos de Galicia con máis patrimonio megalítico por quilómetro cadrado, no que teñen constancia de preto de 300 enterramentos do período Neolítico, malia que uns 100 foron totalmente destruídos, e as medorras do concello teñen unha antigüidade aproximada de 6.000 anos.