Skip to main content
Actualidade

Oito concellos chairegos únense para solicitar un plan de emprego á Xunta

Por 19 Xullo, 2019Sin comentarios

Oito concellos da provincia de Lugo reuníronse na casa do concello de Outeiro de Rei para asinar un convenio de colaboración que lles permitirá solicitar de forma conxunta unha subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria co fin de levar a cabo un programa integrado de emprego. Os concellos que interveñen na realización deste proxecto —Castro de Rei, Begonte, Abadín, Friol, Rábade, Cospeito, Mondoñedo e Outeiro de Rei, este último, promotor da solicitude—, piden á Xunta unha axuda de 250.000 euros que se repartirán en función do número de cidadáns que se inscriban no programa.

No caso de que a Consellería de Economía aprobe a petición, esperan conseguir un total de 100 participantes e obter o 100% da contía solicitada.

O programa está destinado a desempregados de colectivos de persoas con discapacidade, con risco de exclusión social, menores de 30 anos, maiores de 30 con baixa formación e vítimas de violencia de xénero. Á súa vez, habilitaranse axudas durante o programa para aqueles participantes que non dispoñan de posibilidade de desprazamento, así como para aqueles con cargas familiares.

Con esta proposta, que xa se levou a cabo en tres ocasiones nun acordo entre Rábade, Friol e Begonte, preténdese apostar pola formación e darlle a oportunidade a diversos municipios lucenses de integrar ás persoas desempregadas no mundo laboral. Neste caso, trátase dun proxecto de maior envergadura, xa que, nesta ocasión, foron oito os municipios que se sumaron á iniciativa de forma conxunta.

O proxecto poñerase en marcha a partir de decembro e levará a cabo nun prazo de 12 meses. Ademais, contratarase a catro técnicos para o desenvolvemento do programa. Segundo explicaron, as estatísticas confirman que ou número total de parados entre vos oito concellos ascende a 1.037 persoas, 466 mulleres e 571 homes.