Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Traballar para o inglés

Por 13 Agosto, 2019Sin comentarios

Por Pablo Veiga

Ou mellor dito, traballar para o mesmo demo. Conclusión á que abofé chegarán aqueles que nos últimos tempos padecen roubos nos seus negocios e bens. Recentemente, nunha nave ubicada en Parga, a carón da vella nacional sexta, os amigos das facendas dos demáis subtraeron un total de 29 cochos en idade de merecer, é dicir, que xa valían para ser degustados. As perdas, segundo o propietario, poderían rondar os seis mil euros, aínda que a cifra a bon seguro aumentaría meses despois cando os animais fosen vendidos con maior peso. A nova que saiu nos medios aumenta o desacougo cando se suxire que os cochos serían sacrificados e posteriormente vendidas as diversas partes a carnicerías. Círculo completo do acto delictivo, onde existen varios implicados, os que cometen o roubo e os que a continuación lle dan saída á materia prima poñendo ó servizo do consumidor final un produto que se desviou por completo do seu cauce habitual. Unha pasada, en fin.

Este feito puntual non é, lamentablemente, unha anécdota, senón que os furtos están a ser unha constante na nosa bisbarra e en moitas outras, tanto da propia provincia como do resto de Galicia. Concretamente, aquelas localidades atravesadas pola autovía A-6 e pola A-8 son escollidas polos delincuentes para as súas entroidadas, que en absoluto resultan graciosas para os que as soportan. Bares e restaurantes, principalmente de madrugada e nas fins de semana, son asaltados de forma habitual, coa conseguinte perda tanto pola subtracción de cartos como polos desperfectos que causan. E logo, a relativa facilidade para fuxir aproveitando as vías de comunicación terrestres. E si, facemos fincapé na fórmula de escape, que se antolla única mentres non escollan a aérea, descartando a fluvial, xa que os ríos tan só son navegables para as troitas e nalgúns casos, para as piraguas.

As forzas e corpos de seguridade xa falan dunha ruta fixa dos moinantes, os cales maioritariamente teñen a súa residencia no municipio coruñés de Carballo, e que levan a culpa, ou cando menos unha boa parte, , dos furtos que vimos de sinalar. A detención de tres deles, todos con antecedentes, así o acredita. Independentemente que sexan moinantes ou doutro grupo, etnia, etc. os que se dedican a estas actividades nocturnas, o certo é que existe un grave problema que causa un importante prexuicio para as vítimas das mesmas. A eiva en seguridade cidadá é unha evidencia e convén darlle unha eficiente resposta que remate ou diminúa este tipo atracos que se dan con tanta frecuencia. Os bares, restaurantes e negocios en xeral, así como as casas particulares do rural ou semi urbanas precisan sentirse seguros e tranquilos para poderen desenvolver a súa vida cotiá sen o temor a verse atacado á mínima ocasión.

Cómpre que melloremos a protección das nosas vivendas e negocios, mais tamén as administracións públicas deberían aumentar a protección dos cidadáns, habiten onde habiten, garantindo a súa integridade e o dereito a poderen vivir do seu traballo e esforzó.