Skip to main content
A PastorizaActualidadeMeiraPol TERRACHÁXARiotorto

Solicitan o apoio dos concellos asturianos para a oficialización da Vía Rexia

Por 14 Agosto, 2019Sin comentarios

Representantes dos concellos da Pontenova e Meira reuníronse cos mandatarios dos outros concellos da Vía Rexia do Principado de Asturias para recobar o seu apoio e lograr a oficialización deste roteiro xacobeo que serve de ligazón entre o Camiño do Norte e o Camiño Primitivo.

A Vía Rexia do Norte é unha alternativa ao Camiño do Norte documentada no século XIII e pola que sete municipios lucenses levan anos loitando como un revulsivo para a zona rural. Comeza na localidade veigueña de Abres, por iso é polo que tamén se coñece como Camiño Real de Abres, e desemboca na capital lucense. O proxecto, capitaneado por Meira, conta co apoio da Deputación de Lugo e agora busca o respaldo do Principado.

Ao lado asturiano, os principais interesados en potenciar esta Vía Rexia son os concellos de Vegadeo e San Tirso de Abres, pois supoñería atraer máis peregrinos polo oeste de Asturias. O alcalde veigueño, César Álvarez, considera que “é unha alternativa máis” para o peregrino. “Non se trata de competir, senón de dar unha opción máis e que logo o peregrino decida”, engadiu, á vez que defendeu a importancia de que os concellos colaboren por dar a mellor atención aos camiñantes.

Pola súa banda, o alcalde santirseño, Clemente Martínez, é consciente de que este roteiro é a baza que ten o concello para recibir fluxos de peregrinos, o que supoñería un estímulo para a economía local. A Vía Rexia tamén é unha boa opción para Castropol. O seu alcalde, Francisco Javier Vinjoy, defende a necesidade de facer oficiais tamén outros roteiros como a vía marítima pola ría do Eo, xa que “está acreditado” o paso en barca de peregrinos cara a Ribadeo.

Galicia contratou a unha empresa encargada de elaborar o proxecto da Vía Rexia para optar á catalogación oficial desta vía que está documentada en numerosa bibliografía e agora estase poñendo en valor. De maneira paralela debe acondicionarse o itinerario e sinalizalo debidamente. En chan galego afecta aos concellos da Pontenova, Meira, Riotorto, A Pastoriza, Castro de Rei, Pol e Lugo e está considerada o roteiro de peregrinación máis antiga da provincia de Lugo.