Skip to main content
ActualidadeBegonteFriol TERRACHÁXARábade TERRACHÁXA

Clausuran unha nova edición do obradoiro de emprego de Begonte, Friol e Rábade

Por 20 Agosto, 2019Sin comentarios

O Concello de Begonte acolleu o acto de clausura do obradoiro de emprego que compartiron os concellos de Begonte, Friol e Rábade e que proporcionou formación e emprego a unha vintena de persoas durante os últimos nove meses.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu 317.400 euros nesta acción formativa, centrada nas especialidades Revestimentos con pezas ríxidas por adherencia en construción -con 6 alumnos en Begonte e 4 en Rábade-, Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización -5 alumnos en Friol- e Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería -2 alumnos en Begonte, outros tantas en Friol e un en Rábade-.

O obxectivo prioritario dos obradoiros é mellorar a empregabilidade dos participantes coa adquisición de habilidades teóricas e prácticas en áreas con boas perspectivas de integración no mercado de traballo. Así, os alumnos realizaron traballos acordes coa especialidade elixida. En Begonte renovaron a cuberta do local social de San Vicente da Pena (a antiga escola unitaria) e o interior da planta baixa do de Baamonde, e melloraron os xardíns e zonas verdes da contorna do centro médico, os colexios de Begonte e Baamonde, o polígono industrial ou a praza de Baamonde.

En Friol acometeron unha fase da construción de beirarrúas na marxe esquerda do tramo urbano da estrada LU-231 (Friol-Palas de Rei) e traballos de xardinería na zona do club fluvial o vello campo da feira, o centro de saúde, o colexio, o concello, ou as dúas áreas verdes do parque empresarial Monte da Gándara, con formación de vías peonís, sementeira de céspede, e plantación de árbores autóctonas e especies arbustivas.

En Rábade, os participantes do obradoiro repararon e ampliaron a beirarrúa na marxe dereita da estrada N-VI, e acondicionaron a existente na rúa Rosalía de Castro, fronte ao instituto Río Miño. Tamén se melloraron espazos verdes na contorna do campo de fútbol, o polígono industrial o da antiga casa consistorial da localidade.