Skip to main content
Actualidade

O Concello das Pontes executa obras cun investimento de 1,5 millóns de euros

Por 21 Agosto, 2019Sin comentarios

O Concello das Pontes está executando, na actualidade, un total de 10 obras, encamiñadas a mellorar a calidade de vida da veciñanza, tanto no casco urbano como no ámbito rural, por valor de 1.569.481 euros.

Este dato dábao a coñecer o alcalde, Valentín González Formoso, durante unha visita, na que estivo acompañado polo concelleiro de Obras Municipais, Pancho Franco e o concelleiro de  Seguridade Cidadá e Servizos, Moncho Alonso, ás obras de mellora de servizos e seguridade viaria na marxe esquerda da AC 564 ao seu paso pola parroquia de Goente.

Trátase dunha obra, incluída no Plan de Obras e Servizos Único da Deputación da Coruña (POS+ 2018) cun orzamento de 272.670 euros, que permitirá levar a cabo a renovación dos servizos de saneamento e abastecemento así como a reposición das beirarrúas, regularizando e ampliando os tramos precisos para cumprir cos requisitos de accesibilidade e eliminando as barreiras arquitectónicas e impulsando a mobilidade e a seguridade na zona.

González Formoso recordou que no ámbito rural tamén se están executando os traballos de instalación dunha nova rede de abastecemento en Marraxón de Arriba cun orzamento de 84.529 euros que permitirá a instalación dun colector colectivo que dará servizo a todas as vivendas da zona.

Tamén se están acometendo os traballos de instalación dun módulo prefabricado en Pontoibo cun orzamento de 99.113€ euros, nos terreos adquiridos polo Concello das Pontes para o esparexemento da veciñanza, para instalacións complementarias de actividades socioculturales que albergará aseos públicos, un almacén para dar servizo a calquera actividade que se realice e un espazo cuberto multiusos.

Asemade, o Concello das Pontes está acometendo o acondicionamento e reparación da antiga Escola do Paraño. Unha obra, que conta cun orzamento de 183.817 euros e que será financiada integramente pola Deputación da Coruña a través do Plan de Obras e Servizos 2018, e que ten como principal obxectivo recuperar o antigo inmoble para usos sociais, respectando a súa identidade tipolóxica pero adecuándoa ás esixencias construtivas, de accesibilidade, seguridade e eficiencia enerxética, que marcan as normativas vixentes, así como ao seu novo uso.

Por outra banda, nas parroquias de Aparral e Ribadeume estase procedendo á reposición da capa de rodaxe dos camiños de Caneiro, Adá, Lombo de Afonso, Bidueiro, Seixas, Castiñeiro e Pena do Traste, traballos que contan cun orzamento de 142.450 euros con cargo ao POS 2018 e que permitirán a rehabilitación de todos os viarios para dotalos dunha óptima calidade, tanto superficial como estrutural, aumentar a súa comodidade e seguridade.

Asemande, o rexedor recordou que a través de fondos propios, o Concello está levando a cabo o desbroce en mais de 260 quilómetros de estradas e camiños de titularidade municipal, traballos que contan cun orzamento de 80.000 euros.

Actuacións na contorna urbana
González Formoso tamén fixo un repaso polas obras que se están levando a cabo na contorna urbana, empezando polo proxecto de urbanización do Lago, cun orzamento de 100.401 euros, con cargo ao POS 2017 da Deputación da Coruña que permitirá, xunto coa instalación de catro módulos prefabricados, dous dedicados a baños e duchas e dous a kiosko-bar, cun orzamento de 122.003,28€ euros, avanzar no acondicionamento integral do lago.

O alcalde tamén apuntou que se está executando o proxecto de reurbanización e acondicionamento da accesibilidade en todo o ámbito da praza da Magdalena, actuación financiada con fondos propios que conta cunha dotación de 234.724´56 euros e que inclúe a creación de novas zonas verdes, a instalación dunha fonte transitable, o desenvolvemento dunha nova área de xogos infantís así como a mellora do alumeado, da rede de drenaxe de pluviais e instalación de novo mobiliario urbano.

Asemade explicou que as obras de rehabilitación da Rúa San Xoán, financiadas pola Deputación da Coruña a través do Plan de Obras e Servizos ( POS 2017), supuxeron un investimento de 218.576 euros, están a espera de ser recepcionadas e permitiron a renovación da rede de saneamento, abastecemento así como a reposición do pavimento da rúa, tanto da calzada como das beirrarúas.

O rexedor salientou que todos estes traballos permitiron a reforma integral da rúa, seguindo os mesmos criterios estruturais e estéticos aplicados na recuperación da Vila, tanto na Rúa Real, como no calexón do Trigo e a Rúa Perfolla, facendo posible que o goberno local continúe coa súa aposta pola conservación, protección do patrimonio e a revitalización do conxunto histórico pontés.