Skip to main content
A PastorizaAbadínActualidade

O parque eólico de Abadín e A Pastoriza rematarase antes de final de ano

Por 21 Agosto, 2019Sin comentarios

O parque eólico Neda, sito entre os concellos lucenses de Abadín e A Pastoriza e impulsado pola compañía galega Norvento, estará rematado a finais do presente ano, así o anunciaron na visita realizada polo director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, que estivo acompañado dos alcaldes del concellos e de representantes da empresa.

O parque eólico Neda, que comezou a constituírse en decembro de 2018, conta cun investimento de 27,3 millóns de euros e xerará ata 429 postos de traballo, dos cales 107 serán directos, e 322 indirectos. A infraestrutura do centro componse de 11 aeroxeneradores que suman unha potencia total de 34,5 MW, cunha produción de enerxía anual estimada de 125.000 MWh.

Este parque únese a outros proxectos similares promovidos por Norvento, que inclúen Sasdonigas I e II, Cadeira, A Pastoriza, Carracedo e o parque eólico singular de Mondoñedo. Conxuntamente xeran 131,25 MW, contan cun investimento de 107,5 millóns de euros e dispoñen ata 1.600 postos de traballo.

Tahoces felicitou á compañía galega polo seu traballo con Neda e polo seu compromiso con Galicia e coas renovables, asegurando que “empresas como estas son as que fan que Galicia exhiba posicións líderes nos diferentes ámbitos enerxéticos”. Do mesmo modo, congratulou aos alcaldes dos concellos de Abadín e A Pastoriza por favorecer o que definiu como ‘un éxito empresarial e social’.

Estratexia eólica
Actualmente estanse a construír 18 parques eólicos en toda Galicia, cun investimento aproximado de 470 millóns de euros. Estes centros representan unha aposta da Xunta polas enerxías renovables, xerando riqueza e emprego en Galicia (cunha creación ou retención de máis de 5.000 empregos entre construción e mantemento), e ofrecendo un abaratamento dos custos e da calidade de subministración, cunha potencia programada de 441MW entre todos os parques implicados.

Deste xeito, a Administración avoga por un crecemento económico sustentable que responda a unha mellora na eficiencia e que implique, de xeito protagonista, a potenciación das enerxías renovables de carácter autónomo como motores desa transformación, garantindo as condicións para que se desenvolvan proxectos vinculados coas enerxías renovables sen renunciar ás garantías urbanísticas, técnicas e ambientais.

Grazas a este compromiso, Galicia se sitúa á vangarda do emprego das renovables a nivel europeo, superando os parámetros en canto o obxectivo de penetración de renovables para 2030 marcado por Bruxelas (fixado nun 32%, con Galicia xa contando cun 35,2%) ou de xeración eléctrica (marcado no 74% a nivel continental, e cunha produción autonómica do 62,6% xa en 2017).