Skip to main content
ActualidadeVilalba

A rúa da Pravia de Vilalba estará pechada ao tráfico os días de San Ramón e Santa María

Por 27 Agosto, 2019Sin comentarios

O Concello de Vilalba vén de anunciar o peche ao tráfico da rúa da Pravia para os días de San Ramón e Santa María, 31 de agosto e 1 de setembro respectivamente. O motivo principal que moveu ao goberno local a tomar esta decisión está relacionado cunha aposta polos espazos humanizados, especialmente en días festivos.

Neste mesmo lugar haberá dúas actuacións de animación na rúa “para que vilalbesas e vilalbeses desfruten dun entorno humanizado e accesible para todas as persoas”, aseverou a alcaldesa, Elba Veleiro. Neste senso, fixeron o anuncio esta mañá para “informar a toda a veciñanza e que conten con este corte de tráfico, pois desde o novo goberno estamos a comunicar sempre os cambios e as decisións que tomamos aos cidadáns con planificación e responsabilidade”.

A primeira das actuacións correrá a cargo de Irene de Paz o día 31 de agosto ás 19 horas co seu espectáculo de equilibrio sobre cable denominado “La Madeja”, en torno ao arte de tecer. É unha proposta determinada “pola cantidade de fíos que entrelazan as vidas das persoas e a capacidade de avanzar con moitas dificultades, ou mesmo cos pes atados”.

O día 1 de setembro ás 19 horas achegarase á Rúa da Pravia o coñecido grupo Mekanika Rolling Band, animando e ambientando este espazo con música de diferentes estilos “cargada de moita marcha”. Tanto a mocidade como as familias poderán ser partícipes de ambos espectáculos, polo que desde o goberno local esperan unha boa acollida desta nova.