Skip to main content
Actualidade

Unha ruta de sendeirismo percorrerá o patrimonio arqueolóxico de Outeiro de Rei

Por 23 Setembro, 2019Sin comentarios

O Concello de Outeiro de Rei anunciou que creará unha nova ruta de sendeirismo para difundir o patrimonio arqueolóxico do municipio, proxecto para o que xa comezaron coas tarefas de roza na contorna.

O itinerario desta nova ruta levará o nome de Acevedo e terá un percorrido circular aproximado de seis quilómetros recorrendo os principais vestixios que se conservan. Así, percorrerá as parroquias de Martul, Parada e Aspai. Os camiñantes pasarán á beira de varias mámoas como a de Acebedo ou Pena Dereita; poderán ver tumultos como o de Pascuais ou Pico das Abrandes; o gravado de Galba; a igrexa de San Cibrao de Aspai ou a de San Pedro de Martul e o petróglifo de Pena Serrada.

A intención e falicitar a identificación de todos os vestixios, polo que se procederá a colocar balizas e frechas de madeira de piñeiro sobre postes para sinalar o trazado principal, así como os desvíos cara aos recursos arqueolóxicos. Colocaranse ademais paneis informativos nos que se incluirán fotografías, descricións e datos relevantes sobre eses vestixios. A actuación completarase coa inclusión do itinerario nunha plataforma dixital dedicada á promoción de rutas de sendeirismo no concello.

A iniciativa conta cun orzamento de máis de 41.500 euros e foi financiado grazas a unha subvención da Axencia de Turismo de Galicia.

Por outra banda, o Concello ten previsto tamén mellorar a sinalización do itinerario do Miradoiro da Terra Chá, un roteiro homologado no ano 2011 que conta cunha lonxitude de 12 quilómetros. Colocaranse frechas, balizas de madeira e paneis informativos do trazado.