Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

O BNG de Guitiriz reclama á xunta a mellora do servizo ferroviario

Por 24 Setembro, 2019Sin comentarios

O Bloque Nacionalista Galego de Guitiriz proporá unha moción no próximo pleno onde insta á Xunta a que inicie negociacións con Renfe e Adif para unha mellora da liña ferroviaria A Coruña– Monforte.

Neste documento recóllese a situación pola que pasan as estacións de Parga e Guitiriz, na que denuncian unha circunstancia de “estado de morte inducida” pola falta dun servizo con prestacións e garantías que posibilite un maior número de usuarios a causa do abandono da política ferroviaria estatal como galega.

Porén pídese que se promova unha mellora integral da infraestrutura, incorporando a dupla vía, mellorando o trazado, eliminando definitivamente os pasos a nivel, electrificándoa e aumentando os sistemas de seguridade, resultando unha liña mixta, viaxeiros – mercadorías, homologada aos actuais estándares europeos.

O voceiro municipal, Xosé Lois González Souto, indicou que “esta proposición do BNG preséntase tamén en máis concellos afectados, debido a que estamos a falar dun problema de país”.

Tamén presentarán unha proposta en referencia á instalación no Concello de mecanismos de transparencia como a incorporación dunha visualización dos plenos e o rogo de preguntas por parte da veciñanza. González Souto calificou estas medidas como “imprescindibles na política onde hai que render contas ante á veciñanza e facelas visíbeis”.