Skip to main content
ActualidadeVilalba

O Concello de Vilalba tramitará hoxe no pleno o aumento de orzamento para o programa Madrugadores

Por 26 Setembro, 2019Sin comentarios

A Corporación do Concello de Vilalba reunirase en pleno hoxe para tratar os primeiros asuntos desta lexislatura. O novo goberno porá sobre a mesa algunhas das cuestións máis inmediatas a resolver logo da súa entrada, como o servizo de madrugadores.

Neste sentido, o equipo de goberno anunciou hai semanas que de cara a este curso subvencionarían ás Anpas para garantir a continuidade do programa Madrugadores. Esta medida require dunha modificación das bases de execución do presuposto de 2019 da que se dará conta nesta sesión plenaria. “Co obxectivo de favorecer a conciliación da vida laboral, familiar e persoas”, o novo goberno destinará 3.300 euros a cada Anpa: Escola Infantil de Vilalba, CEIP Manuel Mato Vizoso e CEIP Antonio Insua Bermúdez. Estas tres entidades serán as encargadas de poñer en marcha o programa, tal e como solicitaron.

Por outra banda e no que atinxe á relación nominal de subvencións, tamén se modificará a partida destinada a Afalu, a Asociación de familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas, que se encargan do desenvolvemento dos obradoiros nas aulas do Concello. Debido a un erro na tramitación, que reflicte 1.000 euros para esta entidade, subsanarase en sesión plenaria co aumento da partida, concedéndolles 5.100 euros.

Ademais, o goberno local pormenorizará os avances na desafectación do colexio de Belesar para uso municipal ao non ter na actualidade unha finalidade educativa para o que foi destinado. Así, despois da aprobación en pleno trala confirmación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, tramitarase o expediente para que figure como propiedade municipal.
Finalmente, tamén se procederá á modificación da ordenanza fiscal da auga e a rede de sumidoiro para actualizalas respecto do IPC, ademais de dar resposta ás mocións e preguntas da oposición.