Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Creado un sistema público de tratamento de xurros

Por 19 Outubro, 2019Sin comentarios

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, interveu na comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes do Parlamento galego e avanzou os puntos clave da futura Lei reguladora do sistema integrado para a xestión das dexeccións gandeiras xeradas en Galicia. Esta futura normativa estivo en consulta pública do 2 de agosto ao 15 de setembro no portal de transparencia da Xunta, coa finalidade de que os axentes interesados puideran facer as súas aportacións e que a futura lei acade o máximo grao de consenso, de forma que se puideran ter en conta todas as achegas na súa redacción.

Neste senso, o director explicou que esta normativa pretende acadar a xestión integral deste tipo de residuos en Galicia, dende a explotación gandeira ata o tratamento final dos xurros e estercos. Para iso, clarificará o proceso a seguir polos gandeiros e creará un sistema público de tratamento específico para estas dexeccións en catro plantas situadas nas zonas con máis carga agrogandeira como son Deza, A Limia, Bergantiños e Terra Chá. Estas serían as primeiras plantas de tratamento e xestión de residuos gandeiros non só de Galicia, senón de toda España.

A través de todo este proceso, o director indicou que Galicia contará cun sistema integrado de xestión de dexeccións gandeiras que garanta a trazabilidade destes residuos ata o seu tratamento final e dará cumprimento coas esixencias medioambientais da Unión Europea nesta materia. Ao mesmo tempo, segundo explicou Balseiros, este sistema redundará na calidade ambiental dos produtos gandeiros galegos e, polo tanto, aumentará o seu valor.

Mesa da Limia

O director tamén indicou que esta normativa está moi vinculada coa posta en marcha da Mesa da Limia, que ten como obxectivo o mantemento e a mellora do sector agrogandeiro nesta comarca. Así, lembrou que dentro do Plan estratéxico do sector agrario da Limia, que se prevé ter completado no próximo verán, haberá un plan de formación agrogandeira específico para esta bisbarra ourensá e que inclúe, entre outras cuestións, o asesoramento sobre a xestión dos residuos e subprodutos como fertilizantes.

O director sinalou que a través desta mesa de traballo preténdese demostrar que unha boa xestión ambiental das explotacións é compatible coa mellora dos seus resultados económicos.

Primeiros compradores

Noutra orde de cousas, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias tamén contestou unha pregunta sobre os primeiros compradores e a súa actividade en Galicia. Así, José Balseiros destacou o traballo feito pola Consellería do Medio Rural ante o Goberno de España co obxectivo de regular esta figura, pero lembrou que foron dous organismos estatais como a Comisión Nacional de Mercados e da Competencia e os servizos xurídicos do ministerio os que rexeitaron a proposta galega de incorporar avais apelando a que se interfería no principio de liberdade de mercados.

En todo caso, o director tamén explicou que a repercusión dos primeiros compradores non vinculados ao sector teñen unha “repercusión moderada” no mercado galego. Neste aspecto, sinalou que as súas compras representan só un 13% no volume de leite vendido polos produtores da comunidade e aclarou tamén que esta problemática afecta a aquelas explotacións pequenas e illadas, lonxe, polo tanto, dos circuítos comerciais de asociacións e cooperativas, que reciben un maior prezo. Por iso, José Balseiros comprometeuse a seguir facendo “todo o que estea nas nosas mans” para resolver esta situación e abordar de novo esta cuestión co ministerio.