Skip to main content
Actualidade

O Ceip Ramón Falcón de Castro de Rei volverá participar na Radio na Biblio

Por 19 Outubro, 2019Sin comentarios

O centro Ceip Ramón Falcón de Castro de Rei renova a súa participación no programa Radio na Biblio ao longo do curso 2019/20. En total serán 80 os centros públicos de toda Galicia – 30 deles de nova incorporación- que participen nesta iniciativa, que ten como obxectivo impulsar a creación de emisoras ou laboratorios radiofónicos no contexto da biblioteca escolar. Na provincia de Lugo incorpóranse ao programa 2 centros e outros 6 renovan a súa participación.

Os centros de nova incorporación recibirán fondos para a posta en marcha dun laboratorio de radio. Para iso contarán co apoio da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería, que orientará o seu desenvolvemento e porá á súa disposición recursos e propostas.

Aos centros de nova incorporación na provincia son o CPI Luís Díaz Moreno de Baralla e o CEIP A Ponte de Lugo.

Pola súa banda os centros que continúan no programa recibirán unha asignación de 500 euros por centro para a realización de obradoiros de formación específica para o funcionamento da emisora ou ben de lectura expresiva ou de mellora da expresión oral.

Esta iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares, que conta entre os seus desafíos o de favorecer a alfabetización múltiple do alumnado a través da creación nas bibliotecas de espazos que funcionen como centros creativos de aprendizaxe. Neles debe traballarse con diferentes recursos e materiais que permitan traballar a expresión escrita e oral ou linguaxes como a radiofónica. Desde eles poderán desenvolverse proxectos colaborativos conectados con diferentes áreas do currículo escolar, vinculados á educación para as competencias en información e medios.

Neste sentido a posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento das competencias clave a través de metodoloxías activas, así como para a alfabetización informacional. De feito, a experiencia cos centros que xa participan en Radio na Biblio demostrou que a radio constitúe unha ferramenta pedagóxica de grande alcance que permite, ademais, darlle a coñecer ao resto da comunidade educativa os proxectos e traballos que se realizan no centro.