Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

O Concello de Guitiriz convoca novas axudas para material escolar

Por 19 Novembro, 2019Sin comentarios

O Concello de Guitiriz lanzou unha convocatoria de axudas para adquirir material escolar e facilitar o transporte de estudantes durante o curso 2019-2020, á que dotou dun orzamento de 25.000 euros.

O obxectivo destas axudas é favorecer a integración socio laboral dos pais, nais ou titores, apoiando á unidade familiar que, por escaseza de recursos económicos, non poden afrontar o custo destes servizos.

Así, poderán solicitar estas axudas de concorrencia competitiva para os alumnos e alumnas empadroados e escolarizados nas seguintes etapas: Educación Infantil (de 3 a 5 anos), Bacharelato e ciclos formativos ou universidade.

Para Educación Infantil a axuda está orientada á compra de material escolar mentres que os alumnos e alumnas que estuden Bacharelato, ciclos formativos ou formación universitaria poderán optar á bonificación de transporte. Os importes das axudas serán os seguintes: para Educación Infantil entre 75 e 100 euros, e para Bacharelato, ciclos formativos ou formación universitaria entre 100 e 300 euros.

O impreso de solicitude pode obterse nas oficinas de Servizos Sociais do Concello ou na páxina web municipal. O prazo para presentar estas solicitudes xa está aberto e finaliza o próximo 9 de decembro.

A alcaldesa, Marisol Morandeira, destacou a importancia destas axudas municipais “que alivian o gasto que deben afrontar as familias ano tras ano para a escolarización dos seus fillos e fillas”.