Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

Adxudican a dotación do centro sociocultural de Friol

Por 3 Decembro, 2019Sin comentarios

O Concello de Friol vén de adxudicar o proceso de equipamento do centro sociocultural da localidade por un valor de 106.000 euros dividido en dúas partidas.

A subministración do mobiliario para todo o edificio inclúe as butacas do salón de actos e mesas, cadeiras, armarios, bancadas, andel, sofás, etc. co que se acondicionarán a planta baixa, a primeira planta, que albergará a biblioteca municipal, e o segundo piso, que contará con salón social e sala de televisión entre outras cousas. O importe deste suministro supera os 93.000 euros e foi adxudicado á empresa Sutega S.L. Neste apartado inclúense inclúe varias melloras, como son a aportación e colocación de estores nas xanelas do edificio e de plantas nos vestíbulos. O prazo total de execución será de dous días.

O suministro dos equipos tecnolóxicos, que inclúen un televisor de 65 polgadas e 20 computadores, supera os 13.000 euros e foi adxudicado á empresa Global PCH Lugo SLU. A oferta que presentou a empresa adxudicataria inclúe varias melloras, como 3 impresoras láser, 2 pantallas HP e a redución do prazo de entrega de 5 días hábiles.

“É unha adxudicación de gran importancia para a poboación de Friol, pois se trata de acondicionar o Centro Sociocultural despois da gran reforma realizada no edificio”, indicou o alcalde, José Ángel Santos.

Coa instalación deste mobiliario e os equipos tecnolóxicos, o centro poderá reabrir a biblioteca municipal, que permanece pechada desde que se iniciaron as obras, e tamén poderá albergar as actividades que os veciños e veciñas do municipio desexen organizar, así como cursos e xornadas solicitadas ao Concello polos habitantes de Friol.

Entre as actividades solicitadas atópase un curso de informática para maiores, “que moitas persoas levan pedindo desde que se terminase o último realizado neste municipio”, di Santos. Dito curso poderá dar comezo unha vez estea terminada a instalación do mobiliario e dos ordenadores.

“Todas estas actuacións implican unha considerable mellora na calidade de vida dos habitantes do municipio, pois poder gozar dunhas instalacións como as que temos neste edificio é moi importante para a actividade social e cultural do Concello. Como tamén é moi importante a reapertura da biblioteca, para o uso e goce de todas as persoas que queiran achegarse a ela”, subliña o alcalde.