Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

Friol aproba un orzamento de 3,65 millóns de euros para 2020

Por 2 Xaneiro, 2020Xaneiro 3rd, 2020Sin comentarios

O Equipo de Goberno de Friol, co seu alcalde José Ángel Santos á cabeza, presentou uns orzamentos para este ano “ambiciosos no ámbito da partida destinada a investimento. Son uns orzamentos moi estudados e rigorosos, todo iso en beneficio dos veciños de Friol”.
O Orzamento Municipal para o exercicio do ano 2020 ascende no seu estado de Ingresos a 3.650.000,00 euros e no estado de Gastos a 3.638.265,20 euros.

O equipo de Goberno lembra que a presión fiscal non se incrementa en relación coas taxas de subministración de auga ou cemiterio municipal, rede de sumidoiros, postos de feiras ou uso das piscinas municipais. Tampouco o prezo público pola prestación do servizo de axuda a domicilio e do punto de atención á infancia. Os tipos impositivos establecidos nas vixentes ordenanzas municipais para a cobranza do IBI de urbana, de rústica, de bens de características especiais e do imposto sobre vehículos de tracción mecánica, tampouco se incrementan.

En relación co IBI de rústica, mantense a ordenanza para bonificar co máximo que permite a lei, un 95%, a cota íntegra do imposto, daqueles inmobles nos que estean situadas unicamente construción nas que se desenvolva total e exclusivamente actividades económicas agrarias ou gandeiras, “en apoio do sector primario, un dos alicerces máis importantes da economía do noso municipio”, explica o alcalde. A súa tramitación é de carácter rogado, polo que dos expedientes tramitados, foron aprobados un total de 289, igual número de familias que resultan beneficiadas, ditas bonificacións alcanzan unhas 8.650 parcelas en todo o municipio. Poderán continuar solicitando esta bonificación todos aqueles veciños que teñan dereito á mesma.

Para o próximo ano e como novidade, desde o Concello bonificarase o 95% do custo de todas as licenzas de obra de calquera empresa que instale a súa actividade na capitalidade do municipio. Instalar unha empresa de calquera actividade no centro urbano de Friol será case gratis xa que desde o Concello redactouse e aprobou unha ordenanza para bonificar o 95% do custo da licenza de obra dos devanditos proxectos que estean interesados en asentarse en Friol, a maior bonificación que permite a lei.

Desde o equipo de Goberno consideran que dar apoio informativo, asesor, técnico, e que apenas existan taxas para o asentamento de calquera negocio, “é básico para gañarse a confianza de calquera empresario, e polo tanto unha maneira de asentar tecido empresarial no municipio, con todo o que iso conleva”.

Referente ao gasto de persoal, “as cifras son extremadamente reducidas, tanto é así que vén sendo unha porcentaxe do 22,70%, posiblemente un dos máis baixos da provincia”.

Engaden tamén que darán cobertura ao mantemento en bo estado das vías públicas municipais, dedicando á política de gasto de infraestruturas 504.901 euros.

Á promoción da cultura e do deporte destinan 628.015,48 euros, entre outras moitas actividades tanto culturais como deportivas, están incluídas celebracións como a feira do queixo de Friol e do pan de Ousá ou o Friulios. Nesta partida inclúense a festa da Terceira Idade, Festa da Xuventude, Festa de Reis, as diferentes feiras que se organizan durante o ano, cursos de baile, cursos de ximnasia, o servizo de noitebús, servizos complementarios á educación, as chamadas actividades extraescolares, clases de aikido, patinaxe, etc… Tamén están a finalizar as obras das novas instalacións onde se instalará a nova gardería.

Por outra banda, o capítulo de servizos sociais e promoción social, dotado cun importe de 415.539 euros, representa máis do 11% do orzamento, cun lixeiro incremento con respecto ao ano 2019. Neste plan de gastos atópanse como novidade o incremento da subvención á natalidade, subvencionando con 1.200 euros cada nacemento ou adopción. O Concello continuará así mesmo un ano máis subvencionando a metade do custo de permutar leiras entre os seus veciños.

Ademais financiarase a totalidade de diferentes obras, como a fixación de todos os contedores mediante unha base de formigón e os correspondentes elementos de suxeición, continuarán coa reposición de luminarias das parroquias ao novo sistema led, farán un novo centro social na parroquia de Silvela, ao cal serán destinados uns 76.500 euros, rehabilitarán a casa da escola da parroquia de Vilalvite, o Centro Social da parroquia de Narla, como tamén levarán a cabo a construción dun novo edificio para o espazo colaborativo e tecnolóxico do Concello de Friol, financiado polo GDR, entre outras actuacións previstas para o novo exercizo.

O alcalde confirma que este incremento económico “está baseado en dar máis servizos e poñer ao dispor dos veciños máis e mellores instalacións o que será favorable tanto para fixar poboación como para o desenvolvemento do sector primario, mellorando así a calidade de vida dos nosos veciños”.