Skip to main content
ActualidadeBegonte

O Concello acomete obras de mellora na praza de Baamonde

Por 9 Xaneiro, 2020Xaneiro 10th, 2020Sin comentarios

hdr

O Concello de Begonte está a realizar o proxecto de humanización e mellora da praza de Baamonde, ao que se destinan máis de 150.000 euros. As obras contan cunha subvención de 103.000 euros a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, ás que se suma unha achega de 48.000 euros, incluída nos orzamentos municipais de 2020, para a realización de obras complementarias.

Os traballos iniciáronse xa no mes de outubro e prolongaranse durante o primeiro semestre deste ano, co obxectivo de poder estrear a renovación da praza preto do verán.

O alcalde de Begonte, José Ulla, recalcou que nesta intervención seguiranse criterios similares aos xa aplicados na praza da casa do concello, que tiveron moi boa acollida entre os veciños. Así, entre as principais novidades neste espazo, que conta cunha superficie de 5.800 metros cadrados, figuran a dotación dunha fonte de lámina de auga e dunha zona axardinada.

Na parte inferior da praza colocarase un novo pavimento antiescorregadizo, ademais de aproveitar para renovar as redes de saneamento e abastecemento, así como a dotación dunha nova iluminación led, que permitirá o aforro enerxético, e dun sistema de rega automática.

O proxecto inclúe tamén o acondicionamento dos muros de formigón xa existentes, co propósito de mellorar a súa estética. Así, instalaranse láminas vexetais e repararanse aquelas partes do espazo que non se modifican.

Ulla explicou que as obras responden a unha reiterada demanda veciñal para mellorar este espazo, “porque cando se fixo a obra quedou incompleta, sobre todo non chan e para calquera actividade ou pavimento non era ou idóneo”.

Por outra banda, as melloras comprenden a renovación da zona de xogos infantís e do parque biosaudable. En ambos os casos conservaranse os elementos xa existentes, salvo aqueles que presenten deficiencias, que serán reparados ou substituídos por outros novos. Tamén se colocará unha tarima de PVC en ambas as instalacións para mellorar a seguridade e delimitarase a zona de actividades cun valo.