Os populares de Vilalba pedirán a gratuidade tamén para a gardería municipal

O grupo municipal popular no Concello de Vilalba, que preside o ex alcalde Agustín Baamonde, solicitará ao grupo de Goberno local que se aplique a gratuidade a partir do segundo fillo na gardería municipal “para que non exista agravio comparativo coas garderías autonómicas”.

O concelleiro fai referencia ao anuncio que fixo a Xunta de que a partir do 1 de abril a gardería será gratuíta a partir do segundo fillo. “Cremos que é unha medida interesante para loitar contra a caída demográfica e debemos aplicarla na gardería municipal para estender a toda a poboación os mesmos dereitos”, explica.

Por outra banda, Baamonde insistirá novamente co Goberno socialista na redución da plusvalía tal e como solicitaran no pleno do mes de setembro. Agustín Baamonde explicou que retiraran a proposta ao recibir o compromiso dos dirixentes municipais de estudar a situación económica antes de tomar unha decisión.

Os populares presentaran xa na campaña a súa intención de reducir a pluvalía un 50% “porque en Vilalba agora mesmo está no seu valor máximo e non ten exención de ningún tipo, pagándose na nosa vila máis que en Coruña e Vigo e eso non pode ser”.

Para Agustín Baamonde, xa é tempo de que os socialistas se pronuncien sobre si pensan facelo e apoiar a iniciativa do Partido Popular.

FIV

Por outra banda, o concelleiro popular manifestou a súa preocupación “pola falta de noticias sobre a celebración do FIV”. Según indicou “estamos a tres meses e non se sabe nada del, de cales son os grupos que virán, cando se venderán as entradas, etc”.

Acusa, por tanto ao Goberno local “de falta de transparencia sobre un acontecemento de gran relevancia para Vilalba e do que nada se informa”.

Finalmente tamén afean ao Goberno local pola deixadez na tramitación do Plan Xeral “que dende o mes de agosto está no poder do Concello e do que non sabemos nada xa que non se reuniu a comisión de urbanismo e non se deu explicacións. O plan Xeral é unha neceisdade urxente e seguimos nunha situación de stad by”.

Etiquetas