Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Agromuralla pide que se manteñan as ubicacións da ITV móbil

Por 22 Xaneiro, 2020Sin comentarios

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla pide á empresa Supervisión y Control SAU, concesionaria da ITV en Galicia, e aos distintos concellos “que busquen solucións para evitar a supresión dos emprazamentos habituais dos puntos móbiles de inspección”.

Segundo alerta Agromuralla, a entidade encargada da realización da ITV agrícola alega que as dimensións do novo camión que transporta a unidade móbil de inspección son maiores que o que viña prestando o servizo até o momento, polo que precisa dun espazo de maior tamaño (20×40 metros, medida similar a unha pista de fútbol sala) para instalarse, que a maiores debe ser unha superficie totalmente plana, o que fai que moitos dos emprazamentos ubicados até o de agora non sexan válidos.

A entidade que preside Roberto López indica que estes condicionantes fixeron que recentemente se suprimise no concello de Láncara un dos dous lugares nos que todos os anos se podía pasar a ITV, en concreto o da Reboleira, obrigando aos gandeiros desa zona a teren que desprazarse con toda a súa maquinaria ao outro dos puntos establecidos no municipio, supoñendo en moitos casos ter que percorrer distancias de máis de 10 quilómetros tanto cos tractores como co resto de aperos e maquinaria.

As persoas maiores desisten de pasar a ITV polas distancias

Agromuralla indica que esta mesma situación estase a producir en máis concellos tanto da provincia de Lugo como do resto de Galicia, polo que insta á empresa concesionaria da ITV e aos concellos, responsables de facilitar as localización para ubicar o camión móbil da ITV agrícola, a atopar “ubicacións axeitadas que faciliten as inspeccións aos veciños e veciñas, tanto gandeiros en activo como xa xubilados”.

Agromuralla considera que “achegar o servizo de ITV aos usuarios é fundamental para garantir que a totalidade do parque de tractores e demais maquinaria agrícola está ao día en canto á obriga de efectuar as correspondentes revisións”, polo que “a eliminación dos puntos habituais de inspección provoca, en moitos casos, que sobre todo persoas maiores, xa xubiladas da actividade agraria, desistan de seguir pasando a ITV aos seus tractores, maquinaria e apeiros”.