Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

En Marea pide que non se corten árbores no amaño da estrada de Friol a Palas

Por 25 Xaneiro, 2020Xaneiro 26th, 2020Sin comentarios

En Marea vén de presentar unha iniciativa no Parlamento Galego para paralizar a actual obra de mellora da estrada LU-231 entre Friol e Palas de Rei “para repensar o proxecto entre os técnicos de Medio Ambiente, Medio Rural, Patrimonio Cultural e da Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego para que a mellora non supoña a tala das árbores da beira da estrada”.

A Xunta de Galicia vai dar comezo ás obras de ampliación desta estrada, situada dentro da Reserva da Biosfera, cortando as árbores das marxes, cun investimento de 6.000.000 euros.

Cando o proxecto foi exposto ao público, a Asociación para a defensa do Patrimonio Galego fixo as alegacións pertinentes -en tempo e forma-, acompañando informe dun doutor enxeñeiro de camiños que ditamina que haberá accidentes no futuro, por incumprir normas técnicas.

“A obra é innecesaria, porque segundo informe que dispoñemos circulan 70 vehículos por hora, o que non causa problemas. A propia asociación aportou solucións técnicas para mellorar a estrada, coa mellora do firme e da sinalización, cuxo orzamento apenas chega ao 10% do que van gastar”, din.

Como explican, as reservas da biosfera son patrimonio da humanidade declaradas pola Unesco/ONU polos seus valores patrimoniais co fin de conciliar a conservación da súa biodiversidade co uso sustentable, o desenvolvemento económico, a investigación e a educación.

En Marea defende o arranxo da estrada, algumentando que esta mellora é totalmente posible sen cortar ningunha árbore. “De seguir co proxecto a Xunta de Galicia sería responsable directa dun atentando grave contra os valores ambientais, paisaxísticos, etnográficos e culturais desta Reserva da Biosfera”, conclúen.