Skip to main content
Actualidade

Proxección e debate sobre a inmigración galega na Casa Museo de Manuel María

Por 29 Xaneiro, 2020Sin comentarios

A proxección de Mamasunción, a curtametraxe rodada por Chano Piñeiro en 1984, será o elemento introdutorio do debate que este sábado, día 1 de febreiro, se desenvolverá na Casa-Museo Manuel María e que ten como obxecto de análise a realidade da emigración galega actual.

O acto organizado por Via Galega (Plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza), da que forma parte a Fundación Manuel María, contará coa presenza da profesora na área de economía, socioloxía e política agraria da USC, no campus de Lugo, Mar Pérez Fra, e co historiador e profesor do IES Ánxel Fole, Xabier Molinos, que farán unha exposición deste drama persoal, social e nacional. Desde 2008 ao 2017 emigraron desde Galiza 300.000 persoas, das que 79.529 son mozos e mozas de 16 a 29 que se viron expulsados por falta de saídas laborais e que declaran non ter intención inmediata de voltar ante a falta de perspectivas de futuro en Galiza.

Via Galega vén desenvolvendo unha campaña de concienciación e denuncia, baixo o lema Non emigramos, expúlsannos, ante a preocupación e gravidade do novo ciclo migratorio galego. Así está a organizar palestras para debater sobre o tema, realizar concentracións e promover mocións nos concellos, co obxecto de que a Xunta desenvolva políticas que paralicen as súas causas e execute as medidas necesarias que aseguren traballo digno no país para todas e todos e o retorno das persoas emigradas.

Durante o transcurso da actividade leranse os poemas Fala calquer galego; Mensaxe aos emigrantes galegos; Noticias e Laio dun emigrante, pertencentes todos eles ao poemario de Manuel María Remol, que este ano cumpre 50 anos da súa primeira edición, e que nos enfrontan con este drama desde distintas ópticas.