Skip to main content
A PastorizaActualidade

O PP lembra os investimentos realizados na Pastoriza pola Xunta

Por 5 Febreiro, 2020Sin comentarios

O PP da Pastoriza sinala á Xunta como a principal administración inversora no municipio. Así o asegura o voceiro do Grupo Municipal Popular, José Bouso, despois de manter unha reunión co delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, na que analizaron as achegas do goberno galego que preside Núñez Feijóo dirixidas ao concello pastoricense e que suman máis de 7,1 millóns de euros.

Bouso considera que se trata dunha cifra “moi importante” e sinala que “estas achegas contribúen, sen dúbida, á dinamización da economía local e á mellora de servizos e infraestruturas”. Con todo, hai que engadir tamén o custe do mantemento dos principais servizos públicos locais, que corren a cargo da Xunta, como é o caso dos centros educativos ou o centro de saúde.

Unhas das achegas do goberno que preside Feijóo que destacou Bouso foron os máis de 215.000 euros postos a disposición do Concello para acometer obras ou ofrecer aos veciños e veciñas os servizos que se estimasen máis oportunos. Do mesmo xeito, o popular puxo en valor “os máis de 548.000 euros en materia de política social que a Xunta achegou ao municipio”. Neste caso, destacan os máis de 440.000 euros cos que o goberno galego contribúe a soster o servizo de axuda no fogar e a coidar aos maiores en situación de dependencia. Así mesmo, a administración autonómica investiu na mellora e equipamento da escola infantil e sufragou o servizo de atención temperá que A Pastoriza comparte con outros concellos da contorna.

En materia de emprego, o popular salientou o medio millón de euros que a Xunta achegou na pasada anualidade para o seu fomento tanto a través da contratación directa por parte do Concello -coma nos casos do AEDL ou un traballador contratado a través do programa Aprol Rural-; do desenvolvemento de obradoiros de formación para o emprego que A Pastoriza comparte con outros catro municipios lindeiros; da mellora do parque empresarial ou de axudas directas a autónomos procedentes do IGAPE ou do INEGA que beneficiaron a tres empresas pastoricenses.

A maior parte das achegas da Xunta para o municipio da Pastoriza dirixíronse ao sector agrogandeiro que se viu beneficiado con máis de 5,8 millóns de euros e que, polo tanto, “fai constatar o peso do sector para o municipio”.

En concepto de axudas agrogandeiras, A Pastoriza recibiu preto de 4,5 millóns de euros aos que hai que engadir arredor de 690.000 euros máis que percibiron agricultores e gandeiros solicitantes de plans de mellora ou beneficiarios das axudas de nova incorporación ou pequena explotación.

Así mesmo, o Concello percibiu máis de 66.000 euros cos que contratar unha brigada de loita contra os incendios forestais e adquirir unha motobomba e un tractor; mentres que con cargo ao plan marco de mellora de camiños rurais recibiu preto de 35.000 euros.

Igualmente, Bouso recordou “as axudas a proxectos públicos e privados que ofrece o GDR Terra Chá” e que, durante o 2019, permitiu que A Pastoriza recibise máis de 243.000 euros”.